Alertan dos problemas de seguridade viaria na PO-264 ao seu paso por Ponte Sampaio

Pontevedra
21 de xaneiro 2018

Un informe elaborado pola Policía Local de Pontevedra alerta dos perigos que, en materia de seguridade viaria, rexístranse en Ponte Sampaio. O documento, que está a ser analizado polo goberno municipal, propón ata catro medidas para corrixir estas deficiencias na PO-264, a estrada de titularidade autonómica que atravesa a parroquia

Ponte Sampaio Mónica Patxot

Un informe elaborado pola Policía Local de Pontevedra alerta dos perigos que, en materia de seguridade viaria, rexístranse en Ponte Sampaio. O documento, que está a ser analizado polo goberno municipal, propón ata catro medidas para corrixir estas deficiencias na PO-264, a estrada de titularidade autonómica que atravesa a parroquia. 

O estudo céntrase nos dous primeiros quilómetros deste viario, entre Paredes (Vilaboa) e Arcade (Soutomaior), ao seu paso polo núcleo urbano de Ponte Sampaio.

Todo parte dun escrito remitido por Tráfico no que se alertaba da situación de inseguridade que afecta, especialmente, a peóns e ciclistas. Recollíase así as queixas presentadas pola asociación de veciños Santa María de Ponte Sampaio, que denunciaba que os condutores non respectaban os sinais de circulación e a limitación de velocidade.

Tras analizar o estado do viario e a presión de tráfico que soporta, o servizo de Mobilidade da Policía Local conclúe que a PO-264 presenta "carencias importantes" en seguridade viaria e accesibilidade. Alerta especialmente de beiravías "impracticables", de velocidades excesivas, da "inexistencia" de medidas de acougado ou do perigo dos cruces.

A PO-264 neste tramo, segundo o estudo policial, rexistra unha intensidade media de 1.900 vehículos ao día. Un de cada tres coches supera os 50 quilómetros por hora, o límite establecido, e chegáronse a rexistrar condutores que alcanzan os 88. 

Lembran que na zona existen varios puntos de interese que, ademais do propio núcleo urbano de Ponte Sampaio, atraen a numerosas persoas como un tramo do Camiño Portugués, o centro de saúde, o cemiterio parroquial, a igrexa ou a biblioteca, polo que instan a que se adopten medidas urxentes para corrixir estas deficiencias.

Para iso, a Policía Local propón unha nova limitación de velocidade -especialmente en áreas de convivencia peonil-, eliminar as barreiras e obstáculos nas beirarrúas, aumentar as zonas de paso seguras e dotar aos servizos públicos que existen na parroquia con máis zonas de aparcadoiro.

Así, instan a limitar a velocidade a 50 quilómetros por hora toda a PO-264, excepto no ámbito de influencia do Camiño Portugués, o centro de saúde e o núcleo urbano e Ponte Sampaio, para os que propoñen velocidade 30.

Con respecto aos pasos de peóns, aconséllase elevar os tres existentes e crear novos lombos ante o centro de saúde, a ponte romana, o acceso cara á Canicouva e as zonas de Rabaleira e O Concello. Tamén se propón elevar dous cruces -as ligazóns cara a O Rañadoiro e Acevedo-, creando unha plataforma a diferente altura do resto da calzada.

Ademais, entre outras medidas, suxírese remodelar a área de aparcadoiro próxima ao centro de saúde, renovar as marquesiñas do transporte público, construír beirarrúas en varios puntos e crear unha zona de tránsito peonil nas inmediacións do cemiterio parroquial.

O Concello remitirá este informe á Xunta de Galicia para que, como titular da estrada, impulse todas estas obras na zona e aplique as medidas correctoras propostas.