Alertan de que Núñez Feijóo "aproveita" a pandemia da covid-19 para privatizar "todo o que se pode"

Pontevedra
17 de outubro 2020

Os sindicatos aseguran que a "única solución" pola que optou o goberno de Alberto Núñez Feijóo é a privatización "pura e dura" dun sistema público de saúde "que están descapitalizando", en beneficio de hospitais privados "nos que a xente teña que pagar"

Concentración na Peregrina en defensa da sanidade pública Cristina Saiz

Algo máis dun cento de persoas concentráronse este sábado en Pontevedra para denunciar que hai gobernos como os de Galicia e Madrid que "aproveitan" a pandemia da covid-19 para privatizar "todo o que se pode" na sanidade pública.

O coronavirus "veulles como anel ao dedo", lamentou Rafa Vázquez, portavoz do sindicato sanitario Co.Bas, un dos convocantes desta protesta xunto ao sindicato CGT, o Movemento Galego en Defensa das Pensións Públicas (Modepen) ou o sindicato dos profesionais da sanidade pública galega (Prosagap).

"A pandemia é a desculpa para paralizar e incrementar listas de espera e que a xente busque solucións individuais dentro do sistema privado", engadiu Vázquez.

Asegura que a "única solución" pola que optou o goberno de Alberto Núñez Feijóo é a privatización "pura e dura" dun sistema público de saúde "que están descapitalizando", en beneficio de hospitais privados "nos que a xente teña que pagar".

Ante esta situación, os manifestantes reclaman a derrogación da lei que "facilita" que a empresa privada "entre a xestionar o público", explicou a portavoz de Prosagap, María Torre, "que é a consecuencia de moitos dos problemas que ten a sanidade pública".

"Aínda que os nosos xestores digan que isto é consecuencia da pandemia, non é verdade", sinalou Torre, que alertou sobre a situación "catastrófica" da atención primaria.

En Galicia, sinalan os sindicatos, non se repoñen as xubilacións, os contratos son "precarios" e non hai xente "dispoñible" para traballar porque "moitos deles" optaron por irse a outras comunidades "ou mesmo fóra do país" en busca de mellores condicións laborais.

Os impulsores desta protesta engaden que a atención primaria é o "pilar fundamental" da sanidade "en calquera país" e alertan de que "cando se abandona cae todo o sistema".

No caso de Pontevedra, os sindicatos solicitan o "cese fulminante" do equipo directivo da área sanitaria, ao que responsabilizan do "caos" nesta área sanitaria.