A Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA) e as Confrarías e Agrupacións de Produtores de Mexillón compareceron este mércores en rolda de prensa para alertar da evolución negativa da produción de bivalvos na Ría de Arousa en base aos datos dos últimos 21 anos.
En base aos datos extraidos da plataforma tecnolóxica da pesca pescadegalicia"observamos con fonda preocupación que o devalo produtivo continúa".
No caso da ameixa fina, cunha produción media de 329 toneladas ao ano (Tn/ano) no período 2002-2022, na actualidade (134 Tn/ano 2022) a produción baixou un 59,3% con relación á media e desde o ano 2013 a súa presenza na ría non fai máis que descender.
A ameixa babosa, cunha produción media de 556 Tn/ano no período 2002-2022, na actualidade (176 Tn/ano 2022) producimos o 68,4% por debaixo da media e desde o ano 2015 a súa presenza na ría non fixo máis que diminuir.
En canto a ameixa rubia, cunha produción media de 292 Tn/ano no período 2002-2022, na actualidade (94 Tn/ano 2022) a produción da ría de Arousa está o 67,8% por debaixo da media e desde o ano 2017 sufriu un descenso alarmante.
Tamén é significativo o caso do berberecho, cunha produción media de 716 Tn/ano no período 2002-2022, na actualidade (553 Tn/ano 2022) producimos o 22,7% por debaixo da media e desde o ano 2008 a súa presenza na ría pasou de ser un recurso fundamental a ter unha presenza mínima, aínda que no ano 2022 tivo unha leve recuperación.
A ameixa xapónica, cunha produción media de 1329 Tn/ano no período 2002-22, na actualidade (1355 Tn no ano 2022) é a única especie de ameixa que supera a media de produción nun 12,5%. Esta especie foránea, máis resistente ás condicións adversas, está ampliando a súa distribución.
O reló, cunha produción media de 523 Tn/ano entre 2001-22, sen ter en conta o periodo no que estivo proibida a súa extracción, sempre foi unha especie acompañante que permitía compensar o traballo das mariscadoras. "Despois de demostrar cientificamente que o chumbo mineralizado que posúe non se pode asimilar, ousexa que se excreta, seguimos esperando a que a Administración tramite a exención para poder extraerlo de maior tamaño", afirman dende a PDRA.
Lembran que "economicamente esta situación repercute nos ingresos familiares".
Se tomamos como referencia as medias euros/ano dos pasados vinte anos e sen ter en conta a diminución do valor do euro derivada da inflacción, as perdas son duns 10 millóns de euros no ano 2022 (4,5 millóns de euros na ameixa babosa, 3,4 na fina, 1,1 na rubia e 0,66 millóns no reló).
"A ría está sufrindo un deterioro progresivo que se reflicte na perda de permex e que se ve nas rochas do interior da ría sen arneirón nen mexilla", advirten.
Por todo isto dende a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA) e as Confrarías e Agrupacións de Produtores de Mexillón entenden que "é urxente que a Administración deixe de mirar para outro lado ou desvíe o foco do problema dando explicacións non axustadas á realidade e non sustentadas con datos científicos".
Aseguran que "é necesario en primeiro lugar recoñecer o problema e tomar medidas".
Con esa mesma urxencia desde os sectores afectados reclaman un plan de rexeneración dos bancos marisqueiros "cunha forte dotación económica e realizar un estudo multidisciplinar que analice as causas deste deterioro progresivo".
Afirman que "non abordar seriamente o problema leva ao abandono da actividade de moitas persoas e, a medio prazo, a posible introdución da acuicultura industrial no espazo mariño en sustitución do cultivo tradicional, asemade do incremento de conflitos derivados da escaseza dos recursos".
Por todo isto, conclúen demandando "que a Administración cumpla coas súas obrigas e adique os recursos necesarios (económicos, materiais e humanos) para abordar con seriedade e datos o problema".