Alemaña sinala a Pontevedra como unha das cidades europeas "das que aprender"

Pontevedra
26 de xuño 2023

Todo parte do encargo que o Ministerio de Vivenda, Urbanismo e Construción e a Oficina Federal de Construción e Ordenación do Territorio fixeron ao Instituto Fraunhofer para la Investigación de Sistemas e Innovación, situado en Karlsruhe, para identificar cidades "das que aprender"

Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra Concello de Pontevedra

O modelo urbano de Pontevedra segue a ser inspiración alén das nosas fronteiras. Os últimos en posar a súa mirada sobre a cidade do Lérez foi o goberno federal de Alemaña.

Todo parte do encargo que o Ministerio de Vivenda, Urbanismo e Construción e a Oficina Federal de Construción e Ordenación do Territorio fixeron ao Instituto Fraunhofer para la Investigación de Sistemas e Innovación, situado en Karlsruhe, para identificar cidades "das que aprender".

O seu obxectivo, segundo a carta recibida no Concello, é "analizar os factores de éxito e os escollos á hora de reducir a presencia de coches e reasignarlle o espazo urbano de novo ás persoas", desvelou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores.

Esta mensaxe, subliñou o rexedor, faille "especial ilusión" porque confirma a preocupación que existe en todo o mundo "pola cuestión do exceso de vehículos nas cidades".

Así, na comunicación transmitida solicítase unha entrevista persoal sobre a fórmula de xestión ao redor da mobilidade e a transición urbana realizada ata o de agora, ademais dos plans de futuro. 

A idea sería realizar esta entrevista a finais de xullo, agosto ou nas primeiras semanas de setembro.

"Tentaremos pechar a data canto antes", indicou o alcalde, que entende que os expertos alemáns serán os que veñan a Pontevedra a revisar eles mesmos o seu modelo.