Que Virxinia Pereira vaia a ter unha rúa en Pontevedra é unha "alegría" para os colectivos pola memoria, que celebran que a cidade dese un "paso máis" para que as nomenclaturas públicas teñan valores "absolutamente democráticos".
Numerosas asociacións vinculadas á memoria histórica seguiron a través de internet o pleno no que a corporación municipal de Pontevedra decidiu retirar a Juan Carlos I do seu rueiro e substituílo polo dunha muller "que loitou contra a ditadura".
Así o sinalan desde a Iniciativa Galega pola Memoria (IGM), que aseguran que é "relevante" que se cambie a un "monarca corrupto" por unha muller "con valores republicanos" e que loitou ata no exilio "polos dereitos de Galicia como país".
O rei emérito, defende a IGM, "non merece" ter unha rúa ao seu nome "por ningún motivo" e esperan que "cunda o exemplo" no resto de Galicia como "recoñecemento" ás vítimas do franquismo e avanzar na "perspectiva de xénero e de país".
A partir de agora, a antiga Avenida Juan Carlos I estará dedicada a unha muller "galeguista", como destacará a súa placa, que foi a "garante" do legado político e artístico de Castelao.