Aldi xa ten licenza para habilitar o seu supermercado en Vialia

Pontevedra
12 de decembro 2022

Tres meses. É o prazo máximo que ten Aldi para comezar a acondicionar o espazo que ocupará en Vialia. Abrirá un supermercado que terá una superficie comercial de 1.240 metros cadrados e que modificará radicalmente a configuración deste espazo. A multinacional alemá investirá case 838.000 euros neste proxecto

Local en Vialia onde Aldi construirá un supermercado PontevedraViva

Tres meses. É o prazo máximo que ten Aldi para comezar a acondicionar o espazo que ocupará en Vialia. Abrirá un supermercado que terá una superficie comercial de 1.240 metros cadrados e que modificará radicalmente a configuración deste espazo.

A multinacional alemá investirá case 838.000 euros neste proxecto. Segundo consta na licenza concedida polos servizos urbanísticos municipais, estímase que as obras durarán un ano. A previsión, por tanto, é que poida abrir a finais de 2023 ou principios de 2024.

Coa chegada de Aldi a Vialia, desaparecerá o restaurante chinés, a sala de xogos e a entrada pola rúa Eduardo Pondal. O supermercado ocupará case toda a planta baixa do centro e a el poderase acceder desde un dos seus laterais, á beira da estación de tren.

Ademais, o antigo ximnasio situado no soto deste centro comercial, que quedara en desuso, será reconvertido en aparcadoiro, uníndoo coas actuais prazas soterradas baixo o edificio, quedando todo este espazo para uso exclusivo do supermercado. 

Contará con espazo para 67 vehículos de catro rodas e con cinco prazas para motos.

Tras quedar bloqueada a entrada a Vialia por Eduardo Pondal -onde só quedará a saída de emerxencia dos cines-, o acceso ás salas de proxeccións farase pola entrada lateral situada xunto á parada de taxis. A esa zona trasladaranse tamén os despachos de billetes.

A reconfiguración de Vialia incluirá tamén a reforma dos baños públicos, que se retirarán uns metros máis cara atrás da súa actual localización.

A portavoz do goberno municipal, Anabel Gulías, celebrou as "boas novas" que supón a apertura deste establecemento comercial porque suporá "darlle vida" a un equipamento en desuso e "favorecer" aos residentes do barrio de Eduardo Pondal.

Este non será o único supermercado que Aldi abrirá en Pontevedra, xa que desde hai meses está a construír outro centro na Avenida de Lugo, nas inmediacións da gasolineira.