Os alcaldes do 'Pacto de Pedre' solicitan unha reunión co ministro Óscar Puente

Cerdedo-Cotobade
06 de novembro 2024
Actualizado: 14:41

O edificio administrativo de Cerdedo-Cotobade, en Cerdedo, acolleu este mércores unha reunión do alcalde deste Concello cos rexedores de Boborás, Beariz, Punxín, O Irixo e Maside

Reunión do Pacto de Pedre Concello de Cerdedo-Cotobade

Os alcaldes dos municipios das provincias de Pontevedra e Ourense agrupados baixo o 'Pacto de Pedre' queren trasladar ao ministro de Transportes e Mobilidade Sostible, Óscar Puente, a súa demanda de remodelación integral da estrada nacional N-541.

O 'Pacto de Pedre' naceu tras o tráxico accidente de autobús na Noiteboa de 2022 no que faleceron sete persoas.

O edificio administrativo de Cerdedo-Cotobade, en Cerdedo, acolleu este mércores unha reunión do alcalde deste Concello cos rexedores de Boborás, Beariz, Punxín, O Irixo e Maside, o do Carballiño desculpou a súa presenza.

Segundo sinalou o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, desde o pasado 12 de xuño os integrantes do 'Pacto de Pedre' están á espera de que o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, lles confirme a data e hora para poder manter unha reunión.

Cubela indicou que a súa intención é facerlle chegar as súas reivindicacións de maneira directa e "desde o máximo respecto institucional". Este mesmo mércores reiteraron a súa petición de entrevista co delegado gubernativo.

Ante esta falta de resposta, no transcurso da xuntanza os representantes municipais decidiron trasladar as súas peticións de entrevista e reunións a Madrid.

Ademais do ministro, os alcaldes queren entrevistarse co director xeral de Estratexias de Mobilidade, José Alfonso Gálvez, así como cos representantes galegos dos distintos grupos políticos con representación no Congreso dos Deputados e no Senado.

Por último, os representantes municipais deron a "benvida" ás actuacións sectoriais que se están realizando na N-541, pero consideran "necesario" que se faga "unha planificación real, pormenorizada e calendada no tempo" dunha actuación de mellora "integral" de todo o trazado da estrada nacional entre Pontevedra e Ourense.