Alcaldes e concelleiros socialistas suscriben un manifesto en apoio do goberno de Carmela Silva na Deputación

Pontevedra
17 de novembro 2016

Os alcaldes e concelleiros socialistas membros de gobernos municipais da provincia de Pontevedra, e os voceiros municipais das agrupacións locais do PSdeG-PSOE, apoian un manifesto do Partido Socialista polo "comportamento antidemocrático" que, ao seu xuízo, mantiveron os alcaldes do Partido Popular na súa protesta no Salón de Plenos da Deputación

Xuntanza dos alcaldes socialistas PSdeG-PSOE

Os alcaldes e concelleiros socialistas membros de gobernos municipais da provincia de Pontevedra, e os voceiros municipais das agrupacións locais do PSdeG-PSOE, apoian un manifesto do Partido Socialista polo "comportamento antidemocrático" que, ao seu xuízo, mantiveron os alcaldes do Partido Popular na súa protesta no Salón de Plenos da Deputación.

Na relación dos que suscriben este manifesto non figura o responsable local do Partido Socialista de Pontevedra.

O escrito di que estes alcaldes populares que "asaltaron" a Deputación "son os mesmos que durante 12 anos nunca protestaron ante o reparto de fondos absolutamente sectario e partidista, por parte dos anteriores gobernos da Deputación".

Sosteñen que en ningún momento, ao longo de eses 12 anos, lles preocupou que todos os concellos da provincia tiveran un trato igualitario e xusto no reparto dos fondos de libre disposición do presidente o que supuxo que centos de pontevedreses fosen tratados como cidadáns con menos dereitos.

Ademáis suliñan que non entendens que esta "actitude de belixerancia política" se produza xusto cando, "por primeira vez na historia na Deputación de Pontevedra", se está a facer un reparto "xusto e equitativo" entre todos os concellos da provincia a través do Plan Concellos.

Polo tanto, os socialistas queren denunciar este tipo de actitudes políticas que o único que fan é "desprezar e atacar o noso sistema democrático" e que "responden unicamente a cuestionamentos políticos nos que o que menos importan son os veciños e veciñas de esta provincia".

Dende o Partido Socialista fan un chamamento aos alcaldes do Partido Popular para que cesen con esta actitude de "fustigamento político" cara a Deputación, e que deixen de poñer o seu cargo institucional de representantes de todos os seus veciños "a disposición do Partido Popular".

"A discriminación por cor política dun concello nunca debe ser a base da acción política e do funcionamento dunha administración que deben estar sempre o servizo de todas e todos os cidadáns", di o escrito do Partido Socialista.

Denuncian que nos concellos socialistas seguen a darse estas discriminacións por parte doutras administracións, que "en pleno século XXI seguen a facer políticas caciquís mais propias do século XVIII", e citan a situacións vividas nas últimos meses co reparto da Xunta de Galicia en inversións en educación, política sociais e medioambientais.

Finalmente instan aos alcaldes do Partido Popular a ser igual de belixerantes para reclamar un trato xusto e igualitario con todos os concellos de esta provincia por parte da Xunta de Galicia e o Goberno de España e que sigan o modelo político impulsado dende a Deputación de Pontevedra. "Con elo lograremos que todas e todos os cidadáns da provincia de Pontevedra, vivan onde viva, poidan desfrutar de accións políticas decentes. O resto só é indecencia política", conclúen.