Alberto Varela presenta a composición do novo goberno municipal de Vilagarcía

O Salnés
17 de xuño 2015

O novo alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, presentou este mércores a composición do seu goberno municipal. Fíxoo nunha rolda de prensa celebrada na Sala de Xuntas do Concello e na que estivo acompañada dos sete concelleiros que o acompañarán nesta responsabilidade de goberno na capital arousana

Alberto Varela, acompañado dos integrantes do novo goberno municipal de Vilagarcía

O novo alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, presentou este mércores a composición do seu goberno municipal. Fíxoo nunha rolda de prensa celebrada na Sala de Xuntas do Concello e na que estivo acompañada dos sete concelleiros que o acompañarán nesta responsabilidade de goberno na capital arousana.

Segundo explicou o rexedor, Tanía García será a voceira do goberno municipal e asumirá as áreas de Benestar Social e Igualdade, Lino Mouriño será o responsable de Servizos e Relacións Veciñais, Paola María Mochales será a concelleira de Urbanismo e Infraestruturas Municipais e Sonia Outón xestionará as competencias de Cultura, Xuventude e Persoal.

Estes catro concelleiros, xunto co alcalde, repartiranse as cinco dedicacións -algunhas delas parciais- que haberá en Vilagarcía durante este novo mandato.

O goberno municipal complétase con Miro Serén como responsable da área de Educación e Deportes, Luz Abalo como concelleira de Economía e Facenda e con Juan Antonio Pérez Callón, que xestionará Policía Local, Seguridade Cidadá e Promoción Económica.

En principio, o alcalde non reserva para si competencia ningunha e servirá como coordinador de todo o grupo de goberno.

Alberto Varela indicou ademais que a intención é que este novo goberno non supere en ningún caso os gastos do executivo anterior, próximos aos 257.000 euros anuais. Para iso anunciou que prescindirá, polo menos, dun dos traballadores que, como persoal eventual, chegaron ao Concello durante o mandato do anterior alcalde, Tomás Fole.