Alberto Oubiña quere protexer o "Bosque da esperanza" ampliando o parque forestal da Fracha

Pontevedra
25 de abril 2023

Para que as novas plantacións estean protexidas dos ataques dos animais salvaxes, o concelleiro propondrá á comunidade de montes a cesión desta nova parcela, a incorporación ao parque forestal e o seu valado

O concelleiro Alberto Oubiña visitou aos escolares que traballan no proxecto "O Bosque da esperanza" Concello de Pontevedra

O concelleiro de Montes e responsable dos parques forestais do Concello, Alberto Oubiña visitou este martes un grupo duns 100 escolares do CEIP Vilaverde, da parroquia de Mourente, que participaron na primeira xornada do proxecto "O Bosque da esperanza".

Trátase dunha proposta da entidade sen ánimo de lucro 'Fuertes Razones', financiada pola compañía concesionaria do servizo de xestión de residuos urbanos e limpeza viaria PreZero, a través do seu programa Súmate, e realizada nos terreos da Comunidade de montes de Tomeza, ao carón do parque forestal da Fracha.

O concelleiro, convidado pola Comunidade de Montes de Tomeza, parte implicada na plantación, propúxolle aos responsables da comunidade o inicio do expediente para ampliar o parque forestal neste punto, e poder protexer as plantacións que se veñan realizando nestes días co propósito de que as plantas novas e os gomos estean protexidos dos animais salvaxes.

Tamén o concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, aplaudiu esta actividade que continuará este mércores e o vindeiro 3 maio, até completar a plantación de 200 exemplares por parte dos escolares nesta parcela lindeira co parque forestal.

"O bosque da esperanza" é un proxecto impulsado en colaboración coa Concellería de Desenvolvemento Sostible, a Comunidade de Montes de Tomeza, a empresa PreZero, a Misión Biolóxica de Galicia e Veteris Jardines, e está protagonizado por estudantes de 1º a 6º de Primaria e traducirase na plantación de 300 árbores autóctonas (unha por rapaz participante)

O alumnado do CEIP Vilaverde, que foi formado nos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) e na Axenda 2030, amosa deste xeito a súa fonda concienciación medioambiental, cunha acción coa que dan exemplo e coa que achegan a súa contribución para mitigar os efectos da emerxencia climática: plantando unha árbore coas súas propias mans.