Alba estrea a súa senda para peóns e peregrinos na zona de San Caetano

Pontevedra
16 de febreiro 2021

O tramo do Camiño Portugués que atravesa Pontevedra perdeu o seu principal 'punto negro'. Unha nova senda peonil, que xa está acondicionada, resolveu o perigo que supuña para a seguridade viaria dos peregrinos o seu paso pola zona de San Caetano

Nova senda peonil en San Caetano
Nova senda peonil en San Caetano / Mónica Patxot

O tramo do Camiño Portugués que atravesa Pontevedra perdeu o seu principal 'punto negro'. Unha nova senda peonil, que xa está acondicionada, resolveu o perigo que supuña para a seguridade viaria dos peregrinos o seu paso pola zona de San Caetano

Este itinerario peonil, que ten 710 metros de lonxitude, discorre en paralelo pola estrada autonómica PO-225, que une a estrada PO-531 (Pontevedra-Vilagarcía) e a N-550 (Pontevedra-Caldas). Investiuse nesta obra case 675.000 euros.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, destacou que esta actuación, impulsada polo seu departamento, permite que esta zona sexa "máis humana e máis segura" tanto para os peregrinos que van cara Santiago como para os propios veciños.

A senda permite, segundo a responsable autonómica, ofrecer unha "mellora substancial" para a seguridade viaria, "gañar espazo para as persoas" e favorecer a mobilidade dos condutores que van cara as naves industriais de San Caetano.

A maior parte do trazado desta senda, preto duns 600 metros, é continuo pola marxe esquerda da estrada e o resto, repartido en dous treitos, vai pola dereita. Construíuse principalmente en cemento e formigón, segundo consta no proxecto.

Tamén se acondicionou a praza da capela de San Caetano e dispúxose unha franxa axardinada que, ademais de mellorar a estética e a integración na paisaxe do itinerario, cumpre a función de reforzo da seguridade de peóns e peregrinos.

Os traballos incluíron unha pasarela metálica peonil na zona do río Rons, de algo máis de 13 metros, o rectificado dunha curva, a reordenación do cruce existente neste treito, a drenaxe das augas pluviais ou a instalación de novas redes para electricidade e telecomunicacións. 

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que acompañou aos representantes da Xunta nesta visita, amosou a súa "satisfacción" polo remate desta obra "necesaria e imprescindible" que permite dar unha "imaxe diferente" de Pontevedra aos peregrinos.

Considera que resolve ademais a cuestión "fundamental" da seguridade viaria nesta zona, que para os peóns era "absolutamente perigoso" xa que a xente tiña que ir "en fila india" por un "auténtico carreiro" dunha estrada pola que pasan más de 11.000 vehículos cada día.

OUTRAS ACTUACIÓNS DA XUNTA

Na súa intervención, Ethel Vázquez recordou que esta senda forma parte do Plan de Sendas da comarca de Pontevedra que deseñou a Xunta de Galicia. A este respecto, adiantou que a senda da Devesa, na PO-531, está en fase de contratación.

As obras, que se prevén iniciar na primavera, teñen un orzamento duns 800.000 euros.

Entre as obras pendentes, a conselleira citou o complexo intermodal de Pontevedra que, segundo destacou, estará rematado "moi pronto"; a mellora do saneamento da ría ou a ampliación de Montecelo.

Con respecto o hospital, a titular de Infraestruturas asegurou que as obras poderán iniciarse xa en maio, un mes antes do previsto nesta segunda adxudicación, tras acelerarse os trámites administrativos. A UTE formada por Copasa, Puentes e Ogmios será a encargada da construción do novo edificio hospitalario, proxecto que se eleva ata os 130 millóns de euros.