Ao redor das nove da mañá declarouse un aparatoso incendio na fábrica de Ence na ría de Pontevedra. Segundo indicaron traballadores da empresa,ardeu unha torre de refrixeración (tamén chamada silo) diante de oficinas e á beira do secapastas.
Non hai danos persoais, segundo informa o 112.
As lapas alcanzaron unha importante altura e xeraron unha densa columna de fume.
Ao lugar do suceso acodiron varias dotacións dos bombeiros de Pontevedra. Desde o primeiro momento traballan na extinción do lume os medios propios da empresa.
A Policía Local asegurou ás 9.22 horas que o incendio xa estaba controlado. Os bombeiros confirmaron este dato. Os traballadores desaloxaron a instalación fabril ao saltar a alarma xuntandose ás portas do complexo. Ás dez da mañá volveron aos seus postos de traballo.
Dende a dirección da compañía pasteira emitiron ás 10.15 horas un comunicado oficial no que informaban de que o incendio xa estaba totalmente extinguido.
Ence quixo destacar que "non se produciron danos persoais e que a totalidade dos traballadores da biofábrica atópanse en perfecto estado". Tamén indicou que "o fume non afectou ás poboacións circundantes".
Doutra banda, salientou que os sistemas de emerxencia da biofábrica "funcionaron correctamente", o que permitiu solucionar rapidamente o incidente. Adicionalmente, a intervención do servizo de Bombeiros permitiu extinguir totalmente o incendio.
A empresa analizará as causas do incendio.
O PP DESTACA O FUNCIONAMENTO DO PROTOCOLO DE SEGURIDADE
O portavoz do grupo municipal do Partido Popular, Rafa Domínguez, presentouse esta mañá no lugar do suceso para interesarse polos traballadores e falar cos responsables da empresa Ence.
Domínguez informou aos medios que os responsables da empresa trasladáronlle que o lume afectou a unha estrutura plástica, en concreto "a una torre que está en desuso" e que "aplicaron inmediatamente o protocolo que eles teñen" sendo os propios medios da empresa os que sufocaron o incendio.
O popular felicitou ás corpos de seguridade do Estado e aos Bombeiros de Pontevedra "que han ayudado" e tamén á empresa.
"Ha sido un susto, pero estamos viendo que funcionan los protocolos de seguridad", engadiu Domínguez.