AJE promoverá iniciativas de apoio ao desenvolvemento rural e de carácter social en Vilagarcía

O Salnés
17 de febreiro 2022

A concelleira de Promoción Económica e o edil de Turismo recibiron esta mañá ao presidente e directivos da asociación cada vez máis presente no municipio

AJE incrementa a súa presenza en Vilagarcía AJE

O presidente e directivos da Asociación Jóvenes Empresarios de Pontevedra visitaron esta mañá o Concello de Vilagarcía co obxectivo de presentar ao goberno local o XXV Premio Xove Empresarix do Ano que este ano, e por primeira vez, se entregará nun acto a celebrar na capital arousá.

O colectivo que preside Jesús Rey aproveitou para informar á concelleira de Promoción Económica e ao edil de Turismo das novas liñas nas que está a traballar AJE, onde adquiren protagonismo a vertente social e o apoio ao rural, enfoques que foron acollidos con moito interese polos membros do executivo.

A concelleira de Promoción Económica e Emprego explicou que “o enfoque innovador e dinámico” das novas liñas de traballo da asociación “resultan moi interesantes e poden contribuír de forma moi positiva á dinamización da economía local e provincial a través do apoio a iniciativas empresariais e de negocio que teñan un marcado acento de responsabilidade social, como o cooperativismo ou o emprendemento feminino, e tamén para impulsar actuacións innovadoras que permitan o desenvolvemento do medio rural de forma sostible e dando cumprimento á Axenda 2030”.

A concelleira salientou tamén a “frescura e modernidade” dos métodos que AJE propón para promover, potenciar, apoiar e acompañar aos proxectos que vaian xurdindo dentro destes ámbitos.

Neste senso, os edís comprometéronse a estudar a posibilidade de que o Concello participe nalgunhas das actividades de AJE ou a organizar algunha iniciativa en común no marco das actividades que xa desenvolve a Concellería de Promoción Económica e Emprego para favorecer o emprendemento e dinamizar a economía local.

Neste eido, Alba Briones lembrou que AJE é un dos colectivos cos que a súa concellería xa conta dende hai tempo á hora de pulsar a opinión do sector empresarial de cara á elaboración das políticas municipais en materia de desenvolvemento económico e creación de emprego, como o demostra a súa participación nas Mesas Sectoriais que convoca periodicamente o seu departamento.

Por outra banda, os edís amosaron a súa satisfacción porque AJE decidise traer a Vilagarcía o acto de entrega do XXV Premio Xove Empresarix e de que a asociación teña adquirido maior presenza no noso municipio nos últimos anos, achegando aos vilagarciáns e ao resto da poboación da comarca as súas actividades e servizos, “unha labor que serve de reforzo e complemento ás accións da administración local”.

O Concello tamén se fará eco e divulgará a convocatoria do Premio Xove Empresarix do Ano co que AJE recoñece e premia anualmente a labor daqueles emprendedores e xóvenes empresarios que co seu esforzo e dedicación contribúen día a día a crear riqueza e emprego na nosa provincia. O premio está dirixido a aquelas ideas de negocio lideradas por menores de 41 anos da provincia e sexan viables técnica e economicamente.

Conta con dúas categorías: Xove Empresarix do Ano 2021 e Iniciativa Emprendedora do Ano 2021. Ademais concederanse mencións de honra no apartado de Innovación e de Responsabilidade Social Empresarial, así como un Premio Honorífico a un empresario de recoñecido prestixio da provincia de Pontevedra.

O prazo de presentación de candidaturas remata o día 6 de marzo e a entrega dos premios terá lugar o día 10 dese mesmo mes.