AJE entregará o seu premio honorífico ao empresario de moda Florentino Cacheda

Pontevedra
14 de outubro 2019

Florentino Cacheda, fundador da firma de moda Florentino, é a persoa elixida por AJE Pontevedra para entregarlle o seu premio honorífico durante a XXXIV edición do Premio Xove Empresario do Ano, que se entregará o próximo 31 de outubro en Pontevedra

Directivos de AJE Pontevedra co empresario Florentino Cacheda AJE Pontevedra

Florentino Cacheda, fundador da firma de moda Florentino, é a persoa elixida por AJE Pontevedra para entregarlle o seu premio honorífico durante a XXXIV edición do Premio Xove Empresario do Ano, que se entregará o próximo 31 de outubro en Pontevedra.

"Con este premio dáme a sensación que acheguei co meu traballo", sinalou o deseñador de Lalín, que aos seus 81 anos asegurou recibir "con alegría" este recoñecemento.

Nunha rolda de prensa celebrada na súa localidade natal, Florentino destacou que os empresarios, especialmente os novos, "somos parte da sociedade e temos que responder á ética nas nosas empresas".

Desde AJE Pontevedra sinalaron que este premio supón un recoñecemento á extensa e exitosa traxectoria do empresario, cuxa firma está especializada en moda para homes.

A entrega do Premio Xove Empresario do Ano terá lugar nunha gala que se celebrará no Pazo da Cultura de Pontevedra. 

Ademais deste galardón, a asociación entregará o Premio Xove Emprendedor do Ano e tres accésits: Innovación, Creación de Emprego e, como novidade, o accésit de Responsabilidade Social Empresarial.