AJE entrega os seus Premios Xove Empresario a un asesor financieiro online e a un negocio eólico

Pontevedra
01 de novembro 2018

Livetopic, unha asesoría online sobre asuntos financeiros, e Coverwind, unha compañía que presta servizos para a industria eólica. Son os dous proxectos que foron galardoados na XXIII edición dos Premios Xove Empresario do Ano que entregou este mércores a Asociación de Jóvenes Empresarios (AJE) de Pontevedra

Gala de entrega da XXIII Edición do Premio Xove Empresario do Ano de AJE Mónica Patxot

Livetopic, unha asesoría online sobre asuntos financeiros, e Coverwind, unha compañía que presta servizos para a industria eólica. Son os dous proxectos que foron galardoados na XXIII edición dos Premios Xove Empresario do Ano que entregou este mércores a Asociación de Jóvenes Empresarios (AJE) de Pontevedra.

Foi no transcurso dunha gala celebrada no salón de actos do Sexto Edificio do Museo de Pontevedra que, xunto co presidente de AJE, Pablo Fernández, contou entre outros co alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda; ou a subdelegada do Goberno, Maica Larriba.

Coverwind foi a empresa gañadora da candidatura ao Premio Xove Empresario do Ano, dotado dunha oficina ou unha nave no polígono industrial de Barro-Meis, con vixencia dun ano prorrogable a dous, un computador persoal ou unha bolsa na Galicia Business School.

Ademais, O Graneiro de Amelia, que se dedica á alimentación e venda de produtos a granel, foi recoñecida co accésit á Innovación Alimentaria; mentres que Galitec, centrada na construción de instalacións deportivas, foi en Creación de Emprego; e Versos da Ruda, que aposta pola repostería en fresco, gañou o accésit en Innovación. 

Optaban tamén ao premio ASC Construcciones y Contratas, dedicada á construción; Del Mar al Plato, que comercializa produtos pesqueiros online; Lingoreta, un servizo de logopedia, psicoloxía e pedagoxía; e Lumeira, un taller de deseño e artes gráficas. 

O Premio Xove Emprendendor, pola súa banda, foi para Lifetopic, que tamén levou aloxamento gratuíto durante un ano nun dos viveiros do consorcio da Zona Franca de Vigo, un computador persoal ou unha bolsa na Galicia Business School.

Este proxecto, vinculado co sector eólico, impúxose á marca de roupa Aí Falaches, ao operador turístico BreathinGalicia, ao proxecto hostaleiro Babupe Restauración, ao servizo Quiropráctico do Atlántico ou á barbería masculina Salón Gentleman.

O resto de candidatos eran Bygymapp, dedicado á segmentación e coordinación de sistemas e servizos deportivos; PsicoVR, tratamento de fobias con realidade virtual; Mediación Móvil, especializado en técnicas de resolución de conflitos; Catálogo para Empresas, compañía de impresión e edición dixital; ou Gomo Bonsai, centrada no coidado de bonsáis.

Todas as candidaturas podían optar a un dos dous espazos ofertados pola Cidade da Cultura, que foron para os emprendedores Aí Falaches e BreathinGalicia.

A gala pechouse coa entrega do premio honorífico que AJE Pontevedra concedeu este ano a Francisco Barbeito, presidente de Pontevedresa Group.