"Aínda vai ser Castelao o home de Virxinia Pereira. Ubiquémonos", así se reivindica a Memoria das Mulleres en Tik Tok

Pontevedra
29 de abril 2021

Xaquín Moreda, concelleiro de Patrimonio Histórico, presentaba este xoves a campaña emprendida na rede social Tik Tok, acompañado telematicamente pola propia Laura Franco e por Leti da Taberna, outra tiktoker que, xunto a María Rúa, realizarán oito vídeos nesta rede ao longo do ano para formar a xuventude sobre a importancia histórica das mulleres

Laura Franco explica quen era Virxinia Pereira en Tik Tok Concello de Pontevedra - Laura Franco

"Xa vos digo que Virxi e eu íamos ser BFF (mellores amigas para sempre)". Así se expresa a Tiktoker Laura Franco no primeiro vídeo subido á rede social dentro do programa 'Memoria das Mulleres' do Concello de Pontevedra reivindicando a figura de Virxinia Pereira, a muller que dá nome á rúa que antes levaba o nome de Juan Carlos I.

Laura Franco defende neste vídeo a figura de Virixinia Pereira máis aló do feito de que fora muller de Alfonso  R. Castelao. "Tiña carácter, eh", "ela xa era unha empoderada daquela", "Pontevedra e Galicia están en débeda con ela", indica a  tiktoker sinalando que Virxinia Pereira viaxou denunciando o franquismo e mantivo unha postura radical na defensa de que a obra de Castelao permanecese no Museo de Pontevedra. E con esta sentenza conclúe o vídeo:  "Aínda vai ser Castelao o home de Virxinia. Ubiquémonos".

Xaquín Moreda, concelleiro de Patrimonio Histórico, presentaba este xoves a campaña emprendida na rede social Tik Tok, acompañado telematicamente pola propia Laura Franco e por Leti da Taberna, outra tiktoker que, xunto a María Rúa, realizarán oito vídeos nesta rede ao longo do ano para formar á mocidade sobre a importancia histórica das mulleres e sobre a defensa da democracia ante accións impositivas.

O concelleiro destacou a retranca, a defensa de valores antifascistas e a facilidade de comunicación que teñen estas tres  tiktokers que, a través dos cancelos #AMemoriaDasMulleres #DoGrisAoVioleta #ConcelloDePontevedra, promoverán valores antifascistas entre a mocidade.

Neste sentido, Laura Franco mostraba a súa satisfacción por realizar este primeiro vídeo tras obter información sobre Virxinia Pereira a través da escritora Montse Fajardo e revisar datos que descoñecía sobre a súa vida. Por este motivo sinala que é importante trasladar estes detalles a unha mocidade que " non debe ter idea de quen era" a muller de Castelao e apuntou que "tiven discusións persoais con xente que cre que lle puxeron unha rúa por se a muller de Castelao e a min é que me crispa, non o acabo de ententer, unha muller non nace só para casar cun home". Esta comunicadora tamén se considera identificada coa causa de Virxinia Pereira porque  "entendín por que hai que dedicarlle unha rúa e entendín que a xente que vén detrás de min tamén ten que sabelo, e non comprendo que non se comprenda".

Leti da Taberna tamén recoñeceu a importancia do Concello de Pontevedra por apostar por esta plataforma que cada vez crece máis para desenvolver este tipo de temáticas cun contido máis profundo que o habitual, baseado en música e bailes, nesta rede social e que axuda a concienciar para que non se repitan escenas da historia recente.

Xaquín Moreda afirmaba na rolda de prensa que a idea xurdiu tras comprobar como as súas fillas adolescentes pásanse o día enganchadas a Tik Tok. "Modernizarse ou morrer", apuntaba o concelleiro para reivindicar esta aposta polas novas fórmulas de comunicación.