Agustín Fernández, do PSOE: "Temos a posibilidade de acadar a presidencia da Deputación, pero hai que ver a postura do BNG"

Pontevedra
25 de maio 2015

Este luns é o día de reaccións entre as agrupacións políticas de cara a posibles pactos tanto no concello de Pontevedra como na Deputación. Todos os partidos amosan a súa disposición a escoitar propostas

Agustín Fernández ás portas do Concello de Pontevedra Mónica Patxot

O Partido Socialista coa obtención de tres concelleiros logrou matner a súa representación na corporación de Pontevedra e o candidato Agustín Fernández amosábase satisfeito durante a mañá deste luns ao entender que "estamos sentando as bases para que o futuro de Pontevedra pase polo PSOE" e sinalou que a Deputación pode cambiar de mans, o que permitiría "unha xestión moito máis transparente, dinámica e do século XXI".

Fernández destacou que se abre un futuro diferente para o municipio de Pontevedra e para a provincia, en que "os socialistas imos xogar un papel importante". Pero lembrou que "tampouco sabemos os pactos entre Lores e Louzán. Temos a posibilidade de acadar a presidencia da Deputación porque o PP perdeu a maioría pero hai que ver a postura do BNG".

Desta forma, indicou que o BNG foi o partido máis votado en Pontevedra e entende que son os teñen que dar o primeiro paso para un posible pacto: "son os que teñen a responsabilidade de conformar un goberno de maioría e sólido. Estamos dispostos a escoitar e a chegar a acordos dende a responsabilidade e dende o programa socialista. Se o BNG está disposto a abandonar algunhas das súas posturas máis radicais e soberbias, estaremos encantados de escoitalos".

O candidato socialista engadiu que o BNG tamén pode chegar a pactar con Ciudadanos ou con Marea Pontevedra e mesmo gobernar en solitario. En relación a se a planta de compostaxe sería un punto de enfrontamento para un posible pacto, Fernández indicou que "se estamos falando de compostaxe nun polígono industrial, nós estamos dispostos a escoitar e favorecer o proxecto" pero lembrou que o PSOE non está para cumprir as petaduras do BNG.

MAREA PONTEVEDRA

Luis Rei, o candidato de Marea Pontevedra, sinalou que a súa agrupación estará aberta a negociacións pero insistiu en que ten o mandato de representar á esquerda ausente durante estes anos en Pontevedra: "temos ao noso favor formar parte dunha corrente emerxente" e sinalou que non obtiveron mellores resultados en Pontevedra ou en Vigo debido ás políticas populistas de Fernández Lores e de Abel Caballero. Rei volveu a manifestar que a ambición de os dous concelleiros de Marea será facer cousas distintas no Concello de Pontevedra recuperando a rede de transporte público, os orzamentos participativos e realizar unha auditoría das contas.

CIUDADANOS

A candidata de Ciudadanos, María Rey, tamén indicou que atenderá ao que marque o comité de pactos do seu partido pero que, en todo caso, van facilitar a gobernabilidade en Pontevedra. "Nós non nos consideramos enemigos", indicou Rey, que lembrou que Ence non é unha liña vermella establecida que poida impedir un pacto en posibles negociacións.

Arquivado en