O concelleiro de Deportes do concello de Pontevedra e secretario local do PSOE, Agustín Fernández, considera que a Fiscalía Xeral do Estado lle está a dar a razón ao aprobar a prórroga solicitada polos fiscais especializados en Delitos Económicos de Pontevedra, para continuar coa investigación sobre un posible delito de prevaricación na construción do Estadio de Pasarón. Ademais requíreselle á Deputación que entregue máis documentación.
A Fiscalía de Pontevedra abriu estas dilixencias despois de recibir o pasado mes de maio a denuncia do edil socialista.
Segundo valorou Agustín Fernández, "vense a corroborar o que nos deciamos nun principio", que o expediente das obras de construción do estadio "era desordenado e incompleto, onde faltaba documentación fundamental".
En concreto, segundo informou o concelleiro de deportes, o Ministerio Público pediu á institución provincial que entregue as xustificacións das modificacións da obra e as certificacións de pagamento "que segundo consta na documentación que temos no noso poder foron asinadas directamente polo presidente da Deputación", xa que segundo o informe de Intervención, o xefe de servizo de arquitectura non presentou o informe correspondente ante o pagamento de cada certificación sendo estas validadas pola firma do presidente.
"Alguén debería empezar a pensar nas responsabilidades políticas neste asunto", sinalou Agustín Fernández que considera que "con independencia de que aquí haxa ilícitos penais o que hai é unha desfeita administrativa a posta, claramente establecida dende a Deputación", afirmou.
Agustín Fernández: "O señor Rueda e o señor Feijóo deberían empezar a pensar en que fan con señor Louzán"
O secretario local dos socialistas sinalou que "o señor Rueda e o señor Feijóo deberían empezar a pensar en que fan con señor Louzán".
Agustín Fernández xa pediu en anteriores ocasións a dimisión do presidente da Deputación, "pero agora esa mala pinta que tiña o asunto que podía ser entendida como unha cuestión partidista, electoralista, sectaria, sesgada agora xa empeza a estar confirmada por alguén que non ten nada que ver co Partido Socialista como é a Fiscalía de Pontevedra".
O sobrecusto da obra de Pasarón disparouse dos 7,2 millóns polos que foi adxudicada á empresa Oreco ata os máis de 17 millóns que, segundo o socialista, acabou custando.