Agrícola Peyca estrea instalacións, dispara a súa venda online e faise viral cos seus orixinais vídeos

Pontevedra
14 de xullo 2024
Actualizado: 21 de outubro

A emblemática empresa de produtos para o campo unifica as súas tendas de Pontevedra e Vilaboa nun único local. Visitamos as novas instalacións de Agrícola Peyca en Borrateiros, 22, Figueirido-Vilaboa. Máis de 2.000 metros cadrados repartidos entre a nave de dúas plantas e o espazo expositivo exterior

Óscar e José Manuel Taboada nas amplias instalacións de Agrícola Peyca, en Borrateiros, 22, Figueirido (Vilaboa) Mónica Patxot

En 1995, Pepe e Carmen fundaban Agrícola Peyca. "Era unha pequena tenda na avenida do Marco, alí estiveron un par de anos, despois xa nos fomos para Conde de Bugallal, e en 2014 abrimos tamén en Acuña-Vilaboa", comenta o seu fillo Óscar Taboada Mariño, que co seu irmán José Manuel representa á segunda xeración deste emblemático negocio especializado en produtos para o campo.

En 2019 deron o salto á venda online e este 2024, concretamente o pasado luns 8 de xullo, inauguraron novas instalacións en Borrateiros, 22, Figueirido (Vilaboa), onde se vai concentrar toda a actividade de Agrícola Peyca. 

O motivo deste cambio é que a empresa creceu exponencialmente nos últimos anos. "A idea é centralizalo todo aquí, en Figueirido. Nós tiñamos dúas tendas, unha en Pontevedra (en Conde de Bugallal) e outra en Acuña (Vilaboa), e outra nave alugada para ter mercadoría. A de Acuña pechámola o primeiro de mes, e a de Pontevedra ímola pechar a mediados de xullo, aínda non temos data".

Necesitaban un maior espazo para almacén, a zona de venda e a exposición das plantas hortícolas e produtos para o xardín, "o noso punto forte", recoñecen. En total, son 2.000 metros cadrados de superficie entre o local de dúas plantas e a zona exterior. "Ademais, agora a xente pode vir coa tranquilidade de ter un amplo aparcamento, e nós tamén podemos facer as grandes descargas con maquinaria, que nas outras tendas era imposible".

A nave vai permitir que os compradores de Pontevedra e localidades dos arredores teñan un acceso cómodo e directo por estrada. "Para nós era importante que o acceso fose fácil e por iso esta localización pensamos que é moi boa". Ponte Caldelas, A Lama, Marín, Caldas de Reis ou Cuntis, son algúns destes puntos de orixe da numerosa clientela de Agrícola Peyca.

"A maiores, temos moita xente da provincia de Coruña que nos vén a comprar. Nós fomos varios anos á Feira da Semana Verde de Galicia en Silleda, alí coñecéronnos e despois continuaron vindo á tenda. Sobre todo veñen en marzo, abril e maio, que é a nosa tempada forte", apuntan os irmáns Taboada Mariño.

Precisamente neses meses empezaron a informar á súa clientela de que ían centralizar os seus servizos na nova nave de Figueirido. "Fixemos uns papeliños para meter en todas as bolsas e fómosllo explicando, porque hai moitas persoas, clientes de moitos anos, que só veñen eses meses para facer o horto".

BOOM DE INTERNET

A nave ten dúas alturas, a de abaixo, destinada a venda directa, e a de arriba só para comercio online. Cada día sae destas instalacións un alto volume de paquetes. Venden tanto a través de marketplaces de referencia, como Amazon, Leroy Merlin ou Miravia, como a través da tenda propia, á que se accede directamente a través da web da empresa: www.peyca.es

"Nas tendas, como eran máis pequenas, non podiamos ter dispoñibles unha chea de produtos que si vendiamos online. Agora podemos ofrecer este servizo. A xente pode chamar e vir recollelo, e así aforran os custos de mensaxería", engaden os xerentes de Peyca.

A venda online foi outra das razóns para trasladarse ás novas instalacións e centralizar todo o negocio. "En 2019 empezamos coa venda online pero foi na pandemia onde todo se disparou. Tivemos que alugar outra nave para descargar toda a mercadoría, pero era imposible dar abasto con todo, pasabámonos o día indo dende esa nave ás dúas tendas". Estes esforzos traducíronse en que "agora mesmo xa se venda máis online que en tendas físicas".

Óscar comenta orgulloso que Peyca posúe o recoñecemento de Amazon como tenda Check Prime, é dicir, que "somos moi estritos cos prazos de envío, de modo que o que se vende ata as 14:00 horas sae o mesmo día e entrégase o día seguinte. Se fallas, penalízanche e quítanche o check". 

VÍDEOS VIRAIS 

A venda online cambiou tamén as maneiras de comunicarse coa clientela. Neste sentido, aos propios xerentes de Peyca sorpréndelles a repercusión que os seus vídeos están a ter na Internet.

O éxito destes vídeos é tal que o produto ao que se lle dedica a publicación do día inmediatamente aumenta a súa demanda

Seila é unha das traballadoras que se incorporou á empresa para dar resposta ao aumento de vendas por Internet. Ela protagoniza os vídeos e Lucía, outra empregada, encárgase de gravar e editar. "Sempre nos consultan antes de facelos pero a verdade é que elas fan un traballo incrible e sempre nos parece ben, estamos a sacar un vídeo case cada día".

O éxito destes vídeos é tal que o produto ao que se lle dedica a publicación do día inmediatamente aumenta a súa demanda. "Chamounos moito a atención o xabón Beltrán, que é o produto que actualmente ten máis rotación (máis vendas) na web". Outro boom é o limpador ecolóxico Eco-Jin, que protagonizou un vídeo viral hai un mes. "O do Eco-Jin tennos descolocados porque veñen caixas e caixas e é rara a semana que non teñamos que entrar mercadoría deles outra vez", confesa Óscar. 

O xabón Beltrán, a gama Eco-Jin ou o famoso desengrasante El Milagrito son produtos de moda entre as influencers que se dedican a dar consellos de limpeza. Neste sentido, Óscar tamén alude á marca Disiclin, "que moitos descoñecen que é galega, de Silleda, e ten uns produtos boísimos a moi baixo prezo, tamén vendemos unha chea na web". 

Francia, Italia ou Alemaña foron países dende onde recibiron pedidos. Por iso, a idea de Peyca é poder abrirse ao mercado europeo. "O futuro é expandirnos", afirman.

AGRÍCOLA DE REFERENCIA

Esta forte demanda online levou a Peyca a ampliar o catálogo de produtos de maneira constante.

 "O noso forte é a planta hortícola, tamén ornamental, e todo o que son abonos, fitosanitarios, sementes e pensos de gandería"

Máis aló das vendas de droguería na Internet, os xerentes lembran que Peyca é unha empresa de referencia en todos os produtos relacionados coa agricultura. "O noso forte é a planta hortícola, tamén a ornamental, e todo o que son abonos, fitosanitarios, sementes e pensos de gandería".

Neste campo, os tempos cambiaron dende a primeira tenda hai case 30 anos. "Xa non se bota tanto millo nin patacas, pero á xente si lle gusta ter un horto familiar na súa casa, e aí é onde estamos a ver o cambio de tendencia". Tamén descendeu a cría de porcos e tenreiros, "pero ao final pitos, galiñas e algunhas ovellas e coellos segue habendo, e para eles aquí temos toda a alimentación que necesitan".

A esta oferta, súmase a crecente demanda en produtos para mascotas. "Agora cómpranse cada vez máis accesorios, os colares son máis bos, prefírese gastar máis nun penso bo para o can ou unhas chuches. Este ano metemos os xeados para cans e é unha tolemia a cantidade que se vende", apunta Óscar. 

 

AGRÍCOLA PEYCA 
Borrateiros, 22, Figueirido (Vilaboa)
Web: www.peyca.es
Facebook: @agricolapeyca
Instagram: @agricolapeyca  
Teléfonos: 986 853 782 e 986 708 543
Horarios xullo e agosto: Luns a venres, de 8:30 a 15:00 horas (resto do ano, ata as 18:00, ininterrumpido), e sábados de 9:30 a 14:00.