Agra, Areas, Bascuas, Canelas, Montalvo, Pragueira e Paxariñas súmanse ás "praias sen fume" de Sanxenxo

Sanxenxo
06 de marzo 2022

Sanxenxo ampliará este verán a 18 as súas "praias sen fume", un distintivo que busca promover unha vida sen tabaco, desnormalizar o seu consumo na sociedade e promover praias que coiden o medio ambiente

Praia de Areas PontevedraViva

Sanxenxo ampliará este verán a 18 as súas "praias sen fume", un distintivo que busca promover unha vida sen tabaco, desnormalizar o seu consumo na sociedade e promover praias que coiden o medio ambiente. 

Ás once xa rexistradas á medida proposta pola Consellería de Sanidade sumaranse agora Area de Agra, Areas, Bascuas, Canelas, Montalvo, Pragueira e Paxariñas. Todas están incluídas no censo oficial de zonas de baño. 

Desde o 2018 Sanxenxo apostou por esta medida que ten un fin educativo e de sensibilización social cuatriplicando agora o número de praias anotadas á rede galega de "praias sen fume".

Nas praias sen tabaco non está permitido fumar na zona do areal, quedando excluídos desta medida os espazos ao aire libre dos locais de hostalería situados nelas como os chiringuitos. Non existe vixilancia, nin sanción para o incumprimento dos usuarios.

Seleccionar unha praia sen fume como lugar de lecer é unha elección voluntaria e, por tanto, o seu cumprimento é unha responsabilidade persoal.

Coa inclusión na rede dos 18 areais, Sanxenxo conseguirá entrar na categoría de ouro determinada por Sanidade para todos aqueles concellos que teñen declaradas sen fume todas as praias incluídas no censo de zonas de baño.

CALIDADE DAS AUGAS

Doutra banda, Sanxenxo alcanzou a cualificación de excelente nos controis da calidade da auga dos 18 areais incluídos no censo oficial de zonas de baño da Consellería de Sanidade. Trátase da  Lanzada, A Lapa, A Nosa Señora da Lanzada, Agra, Areas, Areas Gordas, Baltar, Bascuas, Canelas, Caneliñas, O Espiñeiro, Foxos, Major, Montalvo, Pandeira, Paxariñas, Pragueira e Silgar. 

O goberno confía en que o próximo ano poida incluírse neste censo de zonas de baño Pampaído cuxas augas obtiveron tamén a cualificación de excelente e que sexa o paso previo para solicitar a bandeira azul para este areal. A auga da Carabuxeira obtivo a cualificación de boa. 

CONSULTA DESDE A UE

A consultora Milieu Consulting, con sede en Bélxica, dedicada ao asesoramento político e xurídico ás institucións europeas púxose en contacto co concelleiro de Medio Ambiente, Juan Deza, para incluír a Sanxenxo dentro dun estudo da Comisión Europea sobre a avaliación da Directiva 2006/7 de xestión da calidade das augas de baño. 

Como parte deste informe, levaron a cabo entrevistas con diferentes expertos da OMS e da Axencia Europea do Medio principalmente, así como con Ong e con autoridades competentes dos estados membros. Sanxenxo achegou a súa visión e a súa metodoloxía para o control sanitario das augas así como os custos que iso supón anualmente.