Poio pechou o mes de agosto acadando uns niveis de ocupación que non se rexistraban desde hai un lustro. Así se desprende dos datos que manexa a Concellería de Turismo, dirixida por Silvia Díaz, que sinalan que durante a segunda quincena se alcanzou unha media de reservas do 90,2%.
"Este é o mellor rexistro desde 2016", indica a edil do goberno local, que non dubidou en felicitar ao sector "por todos os esforzos e o traballo realizado, tanto durante o verán como nos meses previos, que, sen dúbida, resultou decisivo para que milleiros de visitantes apostasen polo noso concello como destino de lecer, tal e como xa era habitual antes da pandemia".
Desta maneira, a ocupación durante os últimos 15 días de agosto caracterizouse pola estabilidade, xa que a porcentaxe mesmo é lixeiramente superior á da primeira quincena, cando se chegou ao 89,9%. A media, por tanto, non baixou do 90% en todo o mes.
"Temos constancia de que en varios establecementos, tanto hoteis coma apartamentos e casas rurais, acadaron o 100% de ocupación durante varios días", indica a concelleira de Turismo, que destaca os atractivos do concello, a evolución á baixa da pandemia e as boas condicións meteorolóxicas como factores importantes á hora de acadar estes rexistros tan positivos.
O aumento da porcentaxe na segunda quincena con respecto a agosto do 2020, foi dun 20%, toda vez que entón "viñamos dun período marcado pola incerteza xerada tras o confinamento e a desescalada".
En todo caso, Díaz salienta que a ocupación nestas últimas semanas supera tamén con creces á acadada en 2019, na que foi a última temporada estival previa á chegada da covid-19. Entón, a ocupación quedouse nun 75%.
Outro baremo que reflicte a tendencia á alza de Poio como destino turístico ten que ver coa actividade rexistrada nas oficinas municipais de turismo. Entre o 16 e o 31 de agosto pasaron polas dependencias un total de 3.431 persoas, cifra practicamente idéntica á de 2019 (3.619), o que se traduce nun aumento do 46% se se compara co mesmo período do ano pasado.
Unha tendencia que se mantén é o protagonismo indiscutible do turismo nacional, toda vez que máis do 97% dos visitantes que solicitaron asesoramento proviñan doutras cidades do territorio español. Madrid, Cataluña ou Andalucía atópanse entre as comunidades autónomas que máis turistas achegaron. En canto ao turismo estranxeiro, destacou a presenza de portugueses, alemáns, británicos e franceses.
Por último, Silvia Díaz tamén salienta que cada vez existe un maior interese por parte dos turistas á hora de gozar de espazos como as rutas de sendeirismo existentes no municipio. A solicitude de información sobre estas zonas foi unha das consultas habituais, xunto a outras tradicionais que teñen que ver co casco histórico de Combarro ou o Mosteiro de Poio.
Ademais, de cara ao futuro, a concelleira de Turismo márcase coma obxectivo seguir traballando para consolidar unha desestacionalización turística que axude a estabilizar o número de visitas ao longo de todo o ano e a desmasificar as visitas no verán.