AGE esixe paralizar a construción da A-57, pero non atopa un respaldo maioritario no Parlamento

Pontevedra
25 de febreiro 2015

AGE asegura que a construción desta infraestrutura insiste no modelo "despilfarrador" que se levou a cabo nos últimos 25 anos en Galicia e recordan o custo "social, ambiental e paisaxístico" que tería este proxecto. Esta proposición non de lei só recibiu o apoio das dúas deputadas do grupo mixto

A Plataforma Salvemos A Fracha marcou o trazado da A-57 Salvemos A Fracha

Alternativa Galega de Esquerda (AGE) esixiu este mércores no Parlamento galego que a Xunta de Galicia inste ao Goberno a suspender a construción da autovía A-57 entre Vilaboa e A Ermida (Marcón). Aseguran que a construción desta infraestrutura insiste no modelo "despilfarrador" que se levou a cabo nos últimos 25 anos en Galicia e recordan o custo "social, ambiental e paisaxístico" que tería este proxecto.

O deputado Antón Sánchez insistiu na "irracionalidade" que supón construír o primeiro tramo dunha autovía de 64 quilómetros "que custará máis de mil millóns e que se vende como alternativa de balde á AP-9". Tampouco servirá, dixo, de circunvalación da cidade de Pontevedra, "dado que os cidadáns pontevedreses deberá percorrer 6 quilómetros case dende calquera punto" para entrar nesta vía de alta capacidade.

Sánchez cuestionou a viabilidade concreta desta infraestrutura, xa que recordou que dividirá en dous lugares como Pintos, en Marcón, e levantaranse noiros de ata 60 metros de altura, equivalentes a un edificio de 17 pisos", provocando un grave efecto ambiental na serra da Fracha. Ademais, advertiu da posible afectación que pode ter sobre unha ducia de traídas de auga e acuíferos da zona que son empregados polos veciños en tarefas agrícolas.

Por todo iso, dende Alternativa Galega de Esquerda reiteran que a mellor solución para dotar a Pontevedra desa ansiada circunvalación sería liberar a peaxe da autoestrada AP-9, unha medida que propoñen compaxinar, entre outras, coa recuperación de proxectos de trens de proximidade. Neste sentido, o deputado de AGE apuntou que poñelo en marcha entre Pontevedra e Vigo e Ferrol e A Coruña "sería máis barato que a A-57".

O grupo mixto, formado por dúas deputadas que abandonaron a disciplina de AGE, apoiou esta proposición non de lei.

 O PP OFRÿCESE A MEDIAR

Con respecto a este debate, o deputado popular Alejandro Gómez sinalou que a autovía A-57 é unha obra necesaria para mellorar a "área de penetración" nas cidades de Vigo e Pontevedra e, aínda que votaron en contra da proposta de AGE, mostrou a vontade do PPdeG para "intermediar" co Ministerio de Fomento porque "sempre estivemos en contra da ditadura dos trazados".

Pola súa banda, a socialista Carmen Gallego defendeu esta infraestrutura e destacou que, aínda que non están "100 por cen satisfeitos", se tiveron en conta as alegacións presentadas polos afectados; mentres que Ana Pontón recoñeceu, por parte do BNG, que "non se foi flexible ao impacto social e ambiental desta obra" e tamén reclamou que se estableza un diálogo entre todas as partes en busca dun consenso. 

Arquivado en