AGE denuncia ante a Comisión Europea o proxecto da autovía A-57

Pontevedra
20 de marzo 2015

Faino a través dunha pregunta que rexistrou a eurodeputada Lidia Senra, quen denuncia que conta cun presuposto de "máis de 1.000 millóns para apenas 64 quilómetros de infraestrutura" e non mellora a accesibilidade das áreas polas que transcorrerá ao circular en paralelo á autoestrada AP-9

A Plataforma Salvemos A Fracha marcou o trazado da A-57 Salvemos A Fracha

Alternativa Galega de Esquerda (AGE) denunciou ante a Comisión Europea o proxecto de construción da autovía A-57. Faino a través dunha pregunta que rexistrou a eurodeputada Lidia Senra, quen denuncia que conta cun presuposto de "máis de 1.000 millóns para apenas 64 quilómetros de infraestrutura" e non mellora a accesibilidade das áreas polas que transcorrerá ao circular en paralelo á autoestrada AP-9.

Esta infraestrutura, reitera, tería un "grave impacto ambiental e paisaxístico" na Serra da Fracha que "afectaría ao abastecemento de auga para o consumo doméstico e agrícola" dos veciños da zona, dividindo en dous os pobos de Pintos e Marcón.

Ademais, Lidia Senra lamenta que este proxecto non teña en conta o patrimonio histórico e arqueolóxico da zona, como o Castro da Fareza-Coto Loureiro ou a Mámoa e Petróglifo da Román, pasando mesmo por enriba de vías históricas como a Vía Romana XIX, o Camiño Real ou o Camiño de Santiago.

Por todo iso, a eurodeputada de AGE propuxo a Comisión que revise o estudo de impacto ambiental desta vía, así como a posibilidade de converter a AP-9 en alternativa gratuíta de gran capacidade á estrada N-550.

Senra quere saber tamén se o Goberno español pretende financiar este "desastre sociambiental e paisaxístico" aproveitándose dos fondos europeos do "Plan Junker".