Agardan ter en 2024 o abastecemento da auga regularizado e iniciar a constitución dun ente supramunicipal para a súa xestión

Pontevedra
06 de novembro 2023

Os municipios da área de Pontevedra seguen avanzando co obxectivo de iniciar no ano 2024 a constitución dun ente supramunicipal para a xestión do abastecemento de auga en cogobernanza, regularizando a situación na que se atopa o sistema e tamén a captación de auga dos ríos Lérez e Rons

Reunión para constituír un ente supramunicipal para a xestión do abastecemento de auga Mónica Patxot

Os municipios da área de Pontevedra seguen avanzando co obxectivo de iniciar no ano 2024 a constitución dun ente supramunicipal para a xestión do abastecemento de auga en cogobernanza, regularizando a situación na que se atopa o sistema e tamén a captación de auga dos ríos Lérez e Rons.

A delegación territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra acolleu este luns unha reunión de traballo na que participaron a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez; a directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez; técnicos de Aguas de las Cuencas de España (Acuaes) e os alcaldes de Marín, Poio, Bueu, Sanxenxo, Vilaboa e representantes dos concellos de Pontevedra e de Ponte Caldelas. 

O Concello de Pontevedra ten a concesión de captación de auga que non está regularizada e tamén abastece ás poboacións de Pontevedra, Poio, Sanxenxo, Marín e Bueu, ademais dun polígono industrial de Ponte Caldelas e tamén Vilaboa está pendente de recibir auga do sistema para unha parte da súa poboación.

As instalacións de abastecemento, ademais, son de titularidade estatal, a pesar de que Acuaes cedeulle a súa operatividade de mantemento o concello da capital, co compromiso de que este se encargase delas, garantise a subministración de auga ao resto dos municipios e constituíse un ente supramunicipal para asegurar a cogobernanza, un compromiso que leva anos sen cumprirse.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, cualificou a reunión deste luns de "tremendamente positiva e sinxela" porque "todos estamos de acordo en avanzar nesta dirección para regularizar a captación" e tamén na creación desa entidade supramunicipal.

Esta reunión de hoxe dá continuidade á celebrada o pasado mes de xullo na que os concellos comprometéronse a ter aprobado en outubro nos plenos municipais o acordo para a creación do ente, traballando paralelamente nunha auditoría técnica sobre as necesidades do sistema con apoio de Acuaes e da Xunta.

O único concello que ten pendente este trámite é o de Pontevedra pero, segundo confirmou o alcalde, Miguel Anxo Fernández levará o asunto esta semana á Xunta de Goberno para a súa posterior aprobación por parte do pleno da corporación este mes de novembro. 

Ethel Vázquez informou que na reunión tamén se marcaron dous obxectivos para 2024, "ter totalmente tramitada e regularizada a nova captación de auga de 1.000 litros por segundo que garanta o abastecemento de auga a toda a poboación dos sete concellos" e o segundo obxectivo é "acordar o modelo de xestión supramunicipal" e iniciar a súa constitución.

A Xunta, ademais de ofrecer apoio técnico, entregou un borrador de estatutos "para poder facilitar o traballo para o modelo de entidade supramunicipal" e tamén "acabamos de contratar unha enxeñería experta en xestión da auga para facilitar un modelo de prestación técnica do servizo". 

Entre outras cuestións analizará onde se realizaría o servizo de auga, cales podes ser os custos de funcionamento, cales son os caudais para entregar a cada un dos concellos e en que puntos concretamente, "a partir de aí, con esa documentación que teremos a finais de febreiro ou principios de marzo xa poderemos concretar o modelo de xestión", así como outras cuestións desa xestión conxunta.

Ademais, na reunión acordouse a constitución de dúas mesas de traballo, unha técnica e outra xurídica.