Á plataforma de afectados pola A-57 non lles gustaron as palabras do delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, quen na inauguración do seu primeiro tramo avanzou que "a bo seguro" a autovía continuará cara ao norte, por Bora e Xeve, até conectar con Barro.
Nun comunicado, a plataforma esixe ao Ministerio de Transportes que "aclare as súas intencións" sobre a continuidade dunha autovía á que cualifican como "erro histórico", xa que supón "destruír o territorio e dilapidar fondos públicos".
Prolongar esta vía cara ao norte "non é unha opción razoable" para os veciños de Bora e Xeve, que subliñan que "non se trata de construír a A-57 por outra zona nin de afectar a outros terreos" senón de protexer o Lérez e o rural pontevedrés.
Esta autovía, reiteran desde a plataforma, "non dará servizo á cidade, senón que suporá máis tráfico, contaminación e máis camións polas parroquias", aumentando os problemas de seguridade viaria e causando un "dano sen precedentes" no patrimonio verde do municipio.
"Pedimos aos responsables políticos que se reformulen en serio este proxecto con valentía e honestidade", reclaman os afectados, que destacan que, en democracia, "ningún ministerio debería ser máis poderoso que a poboación á que serve".
Sosteñen ademais que "atrasar un problema non o resolve", polo que "facer que os nenos os que teñan que dar esa batalla dentro doutro quince anos, igual que o están facendo as súas nais e avoas, desde fai máis de vinte anos, non pode ser unha solución".
A este respecto, a plataforma pedirá unha reunión cos políticos locais e nacionais que están a estudar o cambio de trazado para trasladarlle todas estas cuestións.
Os veciños seguen confiando na xustiza e na demanda presentada por Adega ante a Audiencia Nacional, que esperan que sirva para "frear en seco" unha vía que consideran "moi lesiva" e que quedou "desfasada".
"Esta unha obra que empeza en 'ningures' e vai a ningunha parte e que non será nunca a circunvalación de Pontevedra que algúns demandan", sentencian.