Aempe pon en marcha un curso gratuíto de dirección de empresas dentro do Plan Social de Ence

Pontevedra
25 de setembro 2017

O curso vai desenvolverse entre o 6 de outubro e o 10 de novembro na sede de Aempe impartido por profesores universitarios e por profesionais con amplia experiencia no sector da pequena e mediana empresa

José María Corujo, presidente de Aempe e Antonio Casal, director territorial de Ence Mónica Patxot

Un dos principais problemas á hora de iniciar unha actividade empresarial emprendedora atópase na falta de formación das persoas que asumen a iniciativa. Por este motivo, Aempe decidiu desenvolver dentro da aula de estratexia empresarial un curso de dirección de Pemes, que se iniciará o 6 de outubro e prolongarase ata o 10 de novembro.

Na mañá deste luns, o presidente de Aempe, José María Corujo, presentaba esta proposta acompañado polo director territorial de Ence en Pontevedra, Antonio Casal, que financia este curso de formación a través do Plan Social que desenvolve a empresa pasteira.

Ao longo do programa impartiranse sesións que tocarán diferentes ámbitos como a detección de oportunidades, elección da forma xurídica para poñer en marcha a empresa, análise do modelo das franquías, selección de persoal ou contabilidade

Segundo explicaba Corujo, durante o curso tocaranse todas as materias desde o inicio ata o momento de estabilidade da empresa, ofrecendo ferramentas e coñecementos básicos.

O número de prazas para este curso gratuíto ascende a ao redor de 50 persoas e os interesados poden poñerse en contacto con Aempe a través do 986866376 ou dos correos electrónicos: gerencia@aempe.com e orientacion@aempe.com

O director territorial de Ence, Antonio Casal, mostrou a súa satisfacción por colaborar con este proxecto e destacou a boa acollida do Plan Social que, segundo manifestou, está a ofrecer actividades moi positivas para o conxunto dos cidadáns en diferentes ámbitos.