AEMPE e UVigo convocan o I Encontro Universidade Empresa aberto a todos os públicos

Pontevedra
19 de novembro 2020

A Asociación de Empresarios da Mediana e Pequena Empresa da Provincia de Pontevedra avanzaba a programación do I Encontro Universidade Empresa en colaboración coa Universidade de Vigo, que se celebrará o 26 e o 27 de novembro, en formato integramente online, e no que se pode participar de xeito gratuíto, previa inscrición

José Mª Corujo, presidente de AEMPE, e Ernesto Pedrosa, presidente do Consello Social Uvigo, presentan o I Encontro Universidade Empresa Mónica Patxot

A Asociación de Empresarios da Mediana e Pequena Empresa da Provincia de Pontevedra (AEMPE) presentou a programación do I Encontro Universidade Empresa, que se celebrará o 26 e o 27 de novembro.

Esta serie de conferencias e coloquios son "unha continuación das xornadas técnicas que vimos facendo desde hai xa varios anos, e este ano déuselle un matiz máis determinado en canto ao mundo da empresa relacionada co da universidade, porque a final de contas, os que hoxe están na universidade mañá van estar na empresa, dirixindo ou participando dalgunha forma no traballo", manifestaba José María Corujo, o presidente de AEMPE, na presentación do evento.

Dada a situación sanitaria, as xornadas serán integramente online. Precisamente José María Corujo reafirmábase en que "din que en cada crise hai unha oportunidade" porque o feito de ter que recorrer ao formato telemático permitirá contar con "un plantel de relatores de primeira división", con representación tanto de empresas referentes a nivel local como de especialistas de toda a xeografía nacional.

Coa pandemia da covid este foro é para Corujo moi necesario para poñer en marcha ideas que permitan afrontar o reto económico actual e destacaba dentro do programa "unha mesa redonda na que van participar dous empresarios e tres universitarios, e xa o título o di todo: Que lea nos agarda".

Pola súa banda, desde a Universidade de Vigo, o presidente do Consello Social da Uvigo, Ernesto Pedrosa, explicaba que "este é un momento esencial dadas as circunstancias especiais deste ano, desta pandemia, para que a colaboración universidade-empresa sexa máis forte ca nunca" e sobre todo destacaba a importancia de que o propio alumnado universitario poida enfocarse, a través dos proxectos de referencia que compoñen o programa, no mundo da empresa que será o destino da súa actividade laboral futura.

Estas xornadas son gratuítas, previa inscrición, e están abertas a todo tipo de público, aínda que pola temática van dirixidas sobre todo á contorna empresarial e universitaria.

 

PROGRAMA DO I ENCONTRO UNIVERSIDADE EMPRESA

XOVES 26 NOVEMBRO

17,00 a 17,15
Apertura do I Encontro Universidade Empresa
Jose Mª Corujo – Presidente de AEMPE
Jorge Soto – Vicerreitor Campus Pontevedra
Ernesto Pedrosa – Presidente Consello Social UVigo

17,15 a 17,45
1ª CONFERENCIA
«Xestión das emocións no traballo»
Natalia Zalvide – Economista, coach

17,45 a 18,00 – Coloquio

18,00 a 18,15 – Descanso

18,15 a 18,45
2ª CONFERENCIA
«Perspectivas económicas de Galicia a curto prazo para as empresas familiares»
Santiago Lago Penas – Coordinador Cátedra Empresa Familiar

18,45 a 19,00 – Coloquio

19,00 a 20,00
3ª CONFERENCIA
«Comunicación e Marca persoal: Como contar quen es (e que é o que fas)»
Manel Loureiro – Escritor – Avogado

19,45 a 20,00 – Coloquio


VENRES 27 NOVEMBRO

10,00 a 10,30
4ª CONFERENCIA
«A río revolto, ganancia de pescadores? Como afrontar unha peme de retail unha contorna convulsa»
Marcelo Toural – CEO de KRACK Co

10,30 a 10,45 – Coloquio

10,45 a 11,15
5ª CONFERENCIA
«Educando para emprender: como acompañar aos emprendedores no deseño e implantación de novos modelos de negocio»
Enrique de la Rica – Director de ESEUNE

11,15 a 11,30 – Coloquio

11,30 a 11,45
6ª CONFERENCIA
«A "indi" xestión do tempo: por moito que disparemos ao galo seguirá amencendo»
Xavier Obón Benavent – CEO de Zeroestrés

11,45 a 12,00 – Coloquio

12,00 a 12,45
MESA REDONDA
«Que lea nos agarda?»
Víctor Nogueira García – Presidente do Grupo Nogar
Catalina Fernández de Ana – Directora Xeral-Fundadora Hifas da Terra
José Carlos Souto Otero – Escola de Enxeñeiros Forestais
Enrique José Varela Álvarez – Facultade de Dirección e Xestión Pública
José Mª Cancela Carral – Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte

12,45 a 13,15
Intervención de Clausura a cargo de
D. Gerardo Cuerva – Presidente de CEPYME