Aempe e Ence apoian os novos empresarios

Pontevedra
29 de novembro 2017

Desde AEMPE detectaron que é a formación o aspecto que máis falla nas novas empresas. Por iso, acaban de celebrar un Curso Intensivo de 50 horas de Dirección de Pemes dentro da aula de Estratexia Empresarial, financiado polo Plan Social de Ence.

José María Corujo, presidente de Aempe e Antonio Casal, director territorial de Ence Mónica Patxot

As pequenas e medianas empresas constitúense nos "verdadeiros motores da nosa economía". Pero, para que unha empresa poida desenvolverse con todas as garantías, necesítase unha base sólida.

Desde AEMPE detectaron que é a formación o aspecto que máis falla nas novas empresas. Por iso, acaban de celebrar un Curso Intensivo de 50 horas de Dirección de Pemes dentro da Aula de Estratexia Empresarial.

Como nos indica José María Corujo, o presidente de AEMPE e coordinador do curso, "custa moito explicarlle á xente que montar unha empresa é moito máis que poñerlle un nome, darte de alta na Seguridade Social e en Facenda, ese é só o primeiro paso, e é que hai moitos pasos a continuación tremebundos, uns de obrigado cumprimento, e outros que necesitas ter uns mínimos coñecementos de organización ou financeiros". Non se trata de que os novos empresarios teñan que dominar todas as áreas do seu negocio senón de que "teñan unha información para saber como resolver as diferentes situacións ou, por exemplo, onde teñen que acudir para solicitar subvencións, como cumprir coa protección de datos ou a prevención de riscos laborais".

Este curso contou co apoio de Ence, a través do I Plan Social, no seu propósito de apoiar o tecido empresarial de Pontevedra e comarca. José María Corujo móstrase moi satisfeito da grande acollida desta actividade e reitera que, desde AEMPE, "estamos moi agradecidos ao Plan Social de Ence por apostar polas pemes e darnos a oportunidade de realizar este curso que, sen o seu financiamento, non sería posible".

O financiamento de Ence permitiu que este curso contase cun profesorado de alto nivel procedente do mundo da empresa ou profesións liberais, ademais de especialistas universitarios. Unha formación técnica rigorosa que destacou polo seu marcado carácter práctico onde "mesmo dous alumnos empezaron a desenvolver proxectos que esperamos que pronto se convertan en empresas" das que, polo momento, non se poden facilitar máis datos pero aos que seguro "lles seguiremos a pista para ver se tiveron ou non final feliz". O que si avanza Corujo é que agardan repetir a formación o próximo ano e incorporar estas experiencias como exemplo para o novo alumnado. Unha edición que será moi especial, xa queen 2018 cumprirase o 40 aniversario de AEMPE.

      Arquivado en