Adxudican a Galicine os cines de Vialia que poderían abrir en decembro

Pontevedra
03 de agosto 2013

A empresa Coruña Films S.L. baixo a marca comercial de Galicine é a nova adxudicataria dos cines de Vialia Pontevedra segundo resolveu o administrador de Infraestruturas Ferroviarias, Adif, empresa pública que depende do Ministerio de Fomento. Dende a firma do contrato a adxudicataria dispón dun prazo de catro meses para executar as obras

Desmontaxe dos cines de Vialia Mónica Patxot

A empresa Coruña Films S.L. baixo a marca comercial de Galicine é a nova adxudicataria dos cines de Vialia Pontevedra segundo resolveu o administrador de Infraestruturas Ferroviarias, Adif, empresa pública que depende do Ministerio de Fomento.

Galicine xestiona os cines en Vilagarcía, Carballo, Monforte, Ribeira e Vigo, segundo informan na súa web.

Tras a publicación do concurso por parte do Adif agora resta a firma do contrato entre as partes, sen que se coñeza o detalle das condicións económicas da adxudicación do concurso, que saíra a licitación por 1,4 millóns de euros para un período de vinte anos.

A empresa pública tan só detallou que Galicine pretende dotar dúas salas con tecnoloxía 3D e con dúas filas de "butacas vibratorias" e unha sala VIP, entre outras melloras.

Dende a firma Coruña Films evitaron dar prazos sobre a posta en marcha dos cines de Pontevedra ou unha posible data de reapertura. Non obstante o Administrador de Infraestruturas Ferroviarias recorda que dende a firma do contrato a adxudicataria dispón dun prazo de catro meses para executar as obras.

A noticia foi especialmente celebrada entre os empresarios de Vialia que sufriron o peche dos cines con sensibles perdas nos seus negocios.

Arquivado en