Adxudicado o servizo de conservación integral da rede viaria da Deputación

Pontevedra
13 de setembro 2024

A Deputación de Pontevedra celebrou este venres un pleno extraordinario, en substitución da sesión ordinaria do pasado mes de agosto, no que tamén se aprobou o proxecto de mellora da mobilidade peonil na estrada provincial EP-0002 O Marco – Tomeza – Figueirido, no concello de Pontevedra

Asfaltado da estrada PO-531 entre Pontevedra e Vilagarcía PontevedraViva

A Deputación de Pontevedra celebrou este venres un pleno extraordinario, en substitución da sesión ordinaria do pasado mes de agosto. 

Na parte resolutiva a corporación provincial adxudicou o procedemento aberto convocado para a contratación do servizo de conservación integral da rede viaria da Deputación

Trátase dun contrato por catro anos con posibilidade dunha única prórroga. O total do contrato ascende a 38 millóns de euros en tres lotes: a zona norte por 13,9 millóns de euros, o que supón un pago anual de 3,4 millóns de euros. A zona centro por 13 millóns de euros e a zona sur por 12 millóns (2,9 millóns ao ano).

O presidente da Deputación, Luis López, destacou que este é un contrato "para seguir gozando dunhas estradas modernas e seguras como son as vías provinciais, que precisamente non ocorre o mesmo no caso das de titularidade estatal".

Ademais, o pleno aprobou o proxecto de mellora da mobilidade peonil na estrada provincial EP-0002 O Marco – Tomeza – Figueirido, no concello de Pontevedra e do correspondente expediente de expropiación.

Trátase dunha estrada de plataforma moi irregular sen case beiravías nin beirarrúas o que xera situacións de risco para os peóns, especialmente no tramo polo que discorre o Camiño de Santiago.

O proxecto de reforma está enmarcado nun convenio subscrito entre a Deputación e o Concello de Pontevedra para intervir nun tramo de 2,5 quilómetros no que se pavimentará o vial e crearase unha senda peonil de formigón coloreado de 2,5 metros de ancho na marxe dereita da vía.  

O orzamento da obra é de 1.724.510 euros e, segundo detallou o presidente, a administración provincial vai achegar o 100% do financiamento e o Concello asume as expropiacións necesarias para facer a obra que roldará os 20.000 euros. 

Ademais destes asuntos o pleno debateu tres mocións, unha presentada polo Partido Popular que aprobou coa súa maioría absoluta e dúas defendidas polo Partido Socialista que saíron rexeitadas cos votos en contra do PP.

A moción popular solicitaba ao Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible o impulso da liña de alta velocidade ferroviaria Vigo-O Porto-Lisboa mentres que as do grupo provincial socialista pretendían esixir á Deputación que instase á Xunta de Galicia a manter o canon de Sogama e, na outra moción, que instase o goberno galego a que dea explicacións sobre o "cúmulo de irregularidades" recollidas no informe do Consello de Contas sobre a concesión do Hospital Álvaro Cunqueiro.