Adxudicada a redacción do proxecto de obra da Casa Barroca de Combarro

Poio
24 de xuño 2023

A Deputación vén de adxudicar a redacción do proxecto das obras de conservación da Casa de Combarro, en Poio, para corrixir o seu deterioro co fin de que o Concello poida poñer en marcha un centro de promoción turística e convertela nun recurso turístico e museográfico de primeira orde  

Casa do Ateneo, en Combarro PontevedraViva

A Deputación vén de adxudicar a redacción do proxecto das obras de conservación da Casa de Combarro, en Poio, para corrixir o seu deterioro co fin de que o Concello poida poñer en marcha un centro de promoción turística e convertela nun recurso turístico e museográfico de primeira orde.

Será o goberno provincial o que sufrague o total das obras, valoradas en 136.000 euros, co obxectivo de deixar o inmoble en perfectas condicións de habitabilidade previamente a que a institución llo ceda gratuitamente ao concello por un período de 30 anos.

Dentro das actuacións previstas están a substitución da cubrición por unha nova que incluirá illamento; a revisión da estrutura de madeira que soporta a cuberta e a subsitución dos elementos que se atopen en mal estado; e a instalación dun tellado inclinado de viguetas de madeira. Coa nova capa de illamento térmico permitirá mellorar a eficiencia enerxética do edificio.

Tamén limparán os muros de pedra de forma manual para protexelos fronte a humidades, e tamén revisarán o encintado da pedra. Substituirán as carpintarías exteriores por unhas novas nas que se empregarán madeira nobre e dobre ou triplo vidro con tratamento de baixas emisións, realizarán un novo revestimento dos elementos de madeira situados no teito dos soportais exteriores e, en cuestións térmicas, implantarán un sistema de climatización mediante bomba de calor de alta eficiencia e un sistema de ventilación con recuperador de calor.

Ademais, pulirán e aplicarán un vernizado ou aceite no pavimento de madeira do andar alto, remodelarán o aseo do andar baixo, executarán novas instalacións de fontanería saneamento e electricidade e substituirán as lámpadas por novas luminarias LED.

A través dunha subvención nominativa ao Concello de Poio, a Deputación investirá outros 100.000 euros neste inmoble para a redacción e a execución da musealización da casa barroca coa que se poderá materializar o futuro centro de promoción turística e de posta en valor do patrimonio histórico-cultural de Combarro.

A Casa de Combarro, situada na rúa San Roque 59 e con 133 metros cadrados de superficie total, foi construída no século XVII e está catalogada cun nivel de protección 1º de carácter Monumental. Foi adquirida pola Deputación de Pontevedra en 1958, e en 1978 o pleno cedeu o seu uso, de balde e en precario, ao Ministerio de Cultura para habilitar unha casa da cultura e oficina de turismo.

As condicións de uso do inmoble foron sucedéndose con escasa ou nula documentación, o que obrigou a Deputación a aclarar con rigor e seguridade xurídica a titularidade do inmoble para poder realizar a cesión ao Concello de Poio, aprobada por unanimidade no pleno da corporación de decembro de 2022.