Nas vindeiras semanas darán comezo os traballos para a posta punto da nova senda peonil, emprazada á beira do rego da Freiría, na parroquia de Sameira, que servirá para dar vida a un enlace peonil entre a estrada PO-308 á altura da recta do Laño e a ruta dos muíños existente nesta parroquia.
Os traballos serán acometidos pola empresa Servicios Medioambientales del Miño Sociedad Limitada, logo de que a Xunta de Goberno Local aprobase a súa adxudicación cun orzamento que ascende a un total de 76.225 euros, que corren por conta do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.
O concelleiro de Promoción Económica e Urbanismo, Gregorio Agís, afirmou que esta conexión supón "un paso decisivo na nosa aposta por desenvolver unha rede de camiños sostibles en contornas como esta de Samieira, na que existen grandes atractivos como a ruta dos Muíños ou a praia do Laño".
Esta actuación supón unha primeira fase dun proxecto global, no que tamén se aposta por ampliar esta conexión ata a propia praia do Laño e o paseo marítimo colindante.
Os traballos adxudicados centraranse nunha extensión próxima aos 200 metros, entre a estrada e o final da ruta dos muíños. Procederase ao desbroce e limpeza da senda, así como ao acondicionamento do regato nalgúns tramos.