A instalación de bolardos na rúa Peregrina segue a provocar reaccións entre os profesionais dedicados a preservar o benestar e seguridade da veciñanza.
Se nun primeiro momento foi un informe da Policía Nacional o que lle advertiu á Subdelegación do Goberno sobre os perigos que para as intervencións policiais e a seguridade cidadá supoñen estes elementos viais, Bombeiros de Pontevedra e Policía Local sumáronse a continuación a estas queixas.
Representantes sindicais de CC OO, CSIF e UGT trasladaron ao grupo municipal do PSOE que a situación que se produce co peche da glorieta de Compostela non é un problema puntual, senón que se suma a toda unha serie de barreiras que se atopan no día a día nesta cidade para poder actuar: os bolardos que están en García Camba e que lles impiden atravesar directamente da zona da Praza de Galicia cara a Daniel de la Sota; os bolardos de 'Boa Vila' da Ferrería e Curros Enríquez, "nos que desinstalar cada unha das letras require de varios minutos, acumulando serios atrasos nas intervencións"; os ángulos rectos nas esquinas de diversas rúas, "que fan que os camións non poidan xirar"; as catenarias de luz instaladas en rúas como Michelena, "que impiden que os bombeiros poidan actuar coas escaleiras e alcanzar os pisos superiores dos edificios en caso de incendio"...
O grupo socialista asegurou que a situación é "moito máis preocupante do que parece, ao afectar ao deseño e vertebración de vías de emerxencia para atallar acontecementos que requiran dunha intervención urxente".
Nesta reunión cos sindicatos abogouse por outras opcións que xa se aplican noutras cidades coma son os bolardos automáticos que identifiquen matrículas ou cámaras que multen a vehículos non autorizados.
Por último, engaden que os problemas se dan tamén para os doutros servizos municipais, como os do lixo, "que tamén deberían poder pasar por aí".
Nos vindeiros días, o Grupo Municipal do PSOE ten tamén previsto manter encontros con representantes sindicais da Policía Nacional (CEP, SUP e Jupol).