Advertencia do Consello Galego de Colexios de Médicos: "deixar só a un MIR nun PAC vulnera a lei"

Pontevedra
01 de agosto 2022

Desde este organismo lembran á Consellería de Sanidade que o MIR debe realizar un labor asistencial directo nos PAC, pero sempre baixo a supervisión presencial dos médicos adxuntos. Sinalan que estes mozos aínda non se atopan en posesión do título de médico especialista e deixar só ao MIR nun PAC vulnera a Lei de Prevención de Riscos Laborais, ademais de expoñerlle a unha eventual responsabilidade penal #ante un posible caso de mala praxe

Profesional sanitario Consellería de Sanidade - Xunta de Galicia

O Consello Galego de Colexios de Médicos emitiu un comunicado ante o Plan de continxencia elaborado pola Xunta de Galicia para a cobertura de ausencias nos Puntos de Atención Continuada (PAC) do Sergas, un documento no que se contempla que un estudante MIR en último ano de formación da especialidade de Medicina familiar e comunitaria pode realizar gardas como médico asistencial nun PAC.

Desde este organismo que engloba a todos os colexios médicos de Galicia lembran que o MIR deberá realizar o labor asistencial coa supervisión presencial dos médicos adxuntos. Aclara que nas urxencias tanto hospitalarias como extrahospitalarias se presentan pacientes con todo tipo de patoloxías e os médicos deben contar con capacidade para establecer prioridades e tomar decisións clínicas de forma inmediata.

O Consello que preside Isidro Lago con Jorge Nogueira como secretario xeral especifica que o Sergas establece no Plan que durante os meses de xullo, agosto e setembro, os MIR de cuarto ano estarán a disposición para realizar gardas de PAC, se fose necesario, pero no caso de que o facultativo teña que realizar unha saída por unha atención fóra do centro sanitario, o residente quedará no centro e avisarase á Central de coordinación de urxencias do 061 para colaborar mentres o MIR queda só. O órgano colexiado amosa a súa oposición a esta medida: "deixar só ao MIR nun PAC vulnera claramente a Lei de Prevención de Riscos Laborais" por ausencia dunha avaliación dos riscos para a seguridade e saúde dos traballadores. Ademais, tampouco pode substituírse a supervisión presencial dun médico ao MIR, pola colaboración telefónica do 061 dado que a "supervisión ao MIR debe ser presencial".

Insisten en que a normativa establece que para prestar servizos como facultativo en atención primaria no Sergas é indispensable estar en posesión do título oficial de médico especialista en medicina familiar e comunitaria ou da certificación habilitdora correspondente, situación que un MIR R4 aínda non ten ao carecer do título de médico especialista, indican. Neste sentido, lembran que un residente ten un contrato de traballo para a súa formación como especialista e a súa práctica laboral atópase suxeita a un programa definido de aprendizaxe e adquisición de competencias que deberá estar "oportunamente supervisado ou tutelado".

Por último, desde o Consello explican que "esixir a un MIR residente de cuarto ano realizar gardas como médico asistencial nun PAC, sen supervisión, supón expoñelo a unha eventual responsabilidade penal ante casos de mala praxe". Fronte esta situación, conclúen cunha crítica á decisión adoptada pola Consellería de Sanidade: "parece que á administración non lle sorprende aínda que os MIR de Medicina de Familia, ou se vaian tras realizar a súa especialidade, ou renuncien a esta aínda sacando praza, a xulgar polo trato que a mesma ten cara a estes especialistas", incidindo nas dificultades que o Sergas atopa para cubrir as prazas de facultativos en Galicia.

O Consello Galego de Colexios de Médicos, neste comunicado, apunta a que no Plan da Xunta se incumpren as bases do programa docente dos médicos residentes poñendo en perigo "a súa formación, a calidade asistencial e a seguridade de profesionais e pacientes".