Adro Vello, testemuña de dezaoito séculos da historia de Galicia

O Salnés
17 de novembro 2022

Os traballos de escavación que se están realizando desde hai meses no xacemento de Adro Vello están a revelar grandes resultados. Están a aparecer restos que demostran que esta zona é unha auténtica testemuña de dezaoito séculos da historia de Galicia. Así se desprende dos primeiros resultados deste proxecto

Traballos de escavación no xacemento de Adro Vello Xunta de Galicia

Os traballos de escavación que se están realizando desde hai meses no xacemento de Adro Vello están a revelar grandes resultados. Están a aparecer restos que demostran que esta zona é unha auténtica testemuña de dezaoito séculos da historia de Galicia.

Así se desprende dos primeiros resultados deste proxecto, impulsado pola Xunta de Galicia en colaboración coa Universidade de Vigo, que o vindeiro sábado 19 de novembro se exporán nas xornadas Adro Vello. Pasado, presente e futuro

O proxecto iniciado no verán, previo á súa declaración como BIC, buscaba intervir sobre o xacemento arqueolóxico de Adro Vello desde varias liñas de actuación: arqueoloxía, antropoloxía física, conservación e restauración, xeocronoloxía e difusión.

Para iso, comezouse cunha limpeza en detalle de todo o espazo para poder rexistrar as estruturas que se atopan á vista mediante fotogrametría, unha tarefa que incluíu tamén a retirada de recheos e outros elementos que se engadiron co paso do tempo. 

Isto permitiu interpretar e datar as fases do xacemento e rexistrar e diagnosticar o estado de conservación de 65 muros e 106 sepulturas.

Ademais, o proxecto incluíu tamén a toma de mostras e o estudo de sedimentos e restos, ofrecendo unha lectura moito máis completa da ocupación en Adro Vello.

Así, os resultados, aínda preliminares, permitiron recuperar información sobre a antiga fábrica de salga de época romana, unha importante mostra de peixe, fragmentos de pintura mural, muros de contención, datos sobre un gran complexo medieval eclesiástico ou estruturas dunha antiga igrexa, capelas e un campanario

XORNADAS DE DIVULGACIÓN

Diferentes especialistas como profesores, arqueólogos, investigadores ou antropólogos darán a coñecer todos estes traballos nunha xornada que acollerá a Casa da Cultura do Grove.

A cita comezará ás 11:00 horas coa apertura das xornadas e seguirá ás 11:15 horas co relatorio O patrimonio arqueolóxico do Grove máis aló de Adro Vello.

A continuación, o arqueólogo Adolfo Fernández Fernández, a conservadora Marta Lago, a antropóloga Olalla Costas e o xeólogo Jorge Sanjurjo falarán do proxecto de Adro Vello, os seus problemas de conservación, a súa necrópole e da metodoloxía para datar os restos. 

Ás 13:00 horas será a quenda da mesa redonda O futuro de Adro Vello, na que participarán Avelino Ochoa, da Asociación Cívico-Cultural Barlovento; Roberto Pena, xefe do Servizo de Arqueoloxía da Xunta; Matilde González, consultora en xestión de recursos culturais, difusión e interpretación do patrimonio; Fernando Carrera, profesor da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais, e Leonardo González, arqueólogo e xestor do patrimonio.