Admítense ofertas para equipar as Pousadas do Salnés. Prezo de saída: 1,7 millóns

O Salnés
29 de agosto 2014

A Deputación de Pontevedra saca a licitación a dotación de equipamento e mobiliario para as catro instalacións. Todo deberá ter un deseño compatible coa accesibilidade universal. Unha vez adxudicada a subministración, a empresa disporá dun máximo de 120 días para proceder ao amoblamento

Pousada da Lanzada PontevedraViva

Aos 17 millóns de euros xa investidos para crear as Pousadas do Salnés hai que sumarlle agora outros 1,7. ÿ a cantidade pola que a Deputación Provincial de Pontevedra acaba de sacar a licitación a dotación de equipamento e mobiliario para as catro instalacións. 

O presidente provincial, Rafael Louzán, deu conta este venres de que a Xunta de Goberno da Deputación aprobou o expediente de contratación por un orzamento de licitación de 1.737.985,11 euros, no que se inclúe a subministración do mobiliario, o transporte a cada unha das Pousadas e a instalación.

As empresas interesadas disporán dun prazo de 52 días para presentar ofertas e un período máximo de 120 días para a instalación e montaxe do mobiliario nas catro instalacións (A Lanzada, Meaño, Ribadumia e Meis) unha vez adxudicado.

Dado o carácter de establecementos 100% accesibles das Pousadas do Salnés, o prego de condicións especifica a obrigatoriedade de que todos os elementos subministrados teñen que cumprir cos requisitos necesarios de accesibilidade universal.

As Pousadas serán xestionadas por Arlea Hotels, do grupo Hotusa, co que, ademais, se acadou un acordo que permitirá a 45 mozos formarse en 3 ciclos de FP Dual relacionados coa hostalería.

Por outra parte, a Xunta de Goberno da Deputación aprobou tamén este venres o expediente de contratación para renovar o contrato de seguridade e vixilancia dos centros dependentes da Administración provincial, entre os que están os edificios do Museo, a Escola de Canteiros e o centro Príncipe Felipe.

O orzamento total é de 1,5 millóns de euros para un período de dous anos (751.270,60 euros anuais), a maioría destinado ás salas do Museo.

Arquivado en