Admiten a trámite a denuncia veciñal polos recortes na atención sanitaria en Seixo

Marín
21 de setembro 2021

A Valedora do Pobo admitiu a trámite a denuncia presentada pola Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo na que se advertía dos recortes que se están a producir na atención sanitaria desta parroquia de Marín

Protesta para reclamar persoal sanitario no Centro de Saúde de Seixo Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo

A Valedora do Pobo admitiu a trámite a denuncia presentada pola Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo na que se advertía dos recortes que se están a producir na atención sanitaria desta parroquia de Marín.

En concreto, a plataforma denunciou as consecuencias de non cubrir as vacacións e a xubilación do persoal, así como o grave prexuízo sufrido pola veciñanza por parte da Xunta e o desamparo no que os deixou o goberno municipal de Marín.

Este colectivo, que une dezaoito asociacións de Santomé de Piñeiro, O Campo, Ardán e Seixo, está "satisfeita" de que se investiguen os recortes na asistencia sanitaria "que levan a que teñamos un médico para atender 2.200 persoas porque a Xunta non cubre o médico xubilado".

Consideran que o feito de non cubrir xubilacións nin vacacións "é a orixe dos problemas nun consultorio que antes do 15 de xullo dispoñía de atención presencial e non tiña listas de espera e que agora chega a máis de 20 días de espera para unha cita telefónica".

Agora, as autoridades sanitarias terán que informar das súas actuacións á Valedora do Pobo, apuntan desde a plataforma, "a pesar de que tentaron por todos os medios tapar os problemas no centro de saúde que deron pé ás denuncias e mobilizacións".

Dende a plataforma presentaron un documento "fundamentado xuridicamente" no que buscan defender o dereito á protección da saúde e a unha atención sanitaria digna a través de demandar a cobertura do persoal de maneira permanente e estable, e a posta en marcha de servizos como pediatría ou fisioterapia.

Agardan que a apertura deste proceso por parte da Valedora do Pobo sirva para "dar un primeiro aviso ao goberno da Xunta, instalado na soberbia e a insensibilidade".