Os mozos menores de 30 anos empezarán a vacinarse contra a covid-19 a próxima semana. A data facilitouna este mércores o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez, Feijóo, e supón adiantar preto de dúas semanas os prazos que anunciara para este mesmo grupo de idade o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña.
Feijóo anunciou que esta semana está previsto que termine de poñerse a primeira dose ao grupo de 30 a 39 anos e a próxima semana terán xa as segundas doses os maiores de 40, de modo que o seguinte paso será empezar a inmunizar á franxa de 20 a 29, a partir da próxima semana.
O presidente galego compareceu para anunciar as medidas adoptadas polo comité clínico de expertos sanitarios que asesora á Xunta de Galicia na xestión da pandemia e aproveitou para falar sobre o proceso de vacinación, no que se queixa de falta de dose. Así, en xullo Galicia recibiu menos vacinas que en xuño e non sabe cantas van chegar en agosto ou setembro.
"Necesitamos máis vacinas", pediu e engadiu que se a comunidade tivese as vacinas suficientes en dúas semanas podería vacinar a toda a poboación que queda pendente. A realidade, con todo, é que "non temos vacinas e ninguén pode dar o que non ten".
Nestes momentos, o principal problema para xestionar a pandemia é esta falta de vacinas, pois "non temos vacinas suficientes para garantir a inmunidade da poboación galega".
Feijóo criticou ao Goberno central pola xestión das vacinas e polo seu anuncio de que en agosto se alcanzou a inmunidade de rabaño. "O goberno se equivocou outra vez, primeiro na data e despois na porcentaxe necesaria para conseguir esta inmunidade", criticou o presidente da Xunta.