Adeus ás filtracións de auga no ximnasio do colexio Espedregada, en Raxó

Poio
01 de abril 2024
Actualizado: 30 de setembro

O Concello de Poio continúa facendo tarefas de mantemento nos colexios do municipio, completando deste xeito outros traballos que xa se realizaron durante os meses de verán e no Nadal

Alumnado do CEIP Espedregada PontevedraViva

O Concello de Poio continúa facendo tarefas de mantemento nos colexios do municipio, completando deste xeito outros traballos que xa se realizaron durante os meses de verán e no Nadal.

Neste caso, as obras fixéronse no CEIP Espedregada, en Raxó, e permiten solucionar as filtracións de auga que había no ximnasio. 

Esta actuación levouse a cabo con fondos propios, e consistiu en cortar o ladrillo nas xuntas do tellado entre o colexio e o ximnasio, para colocar unha solera de aluminio que evitará que siga filtrando auga. 

A maiores, tamén se selaron as ventás dese lateral, actuacións que mellorarán de xeito notable o illamento da instalación.

A concelleira de Educación, Natalia Sabarís, explica que "eliminamos as goteiras e auga que levaban anos filtrando no ximnasio, e que estaban causando molestias no uso das instalacións pero tamén estaban provocando danos no edificio. Unha situación que, nun curso especialmente chuvioso como o actual, se facía especialmente complicada, e por iso decidimos aproveitar estes días non lectivos no colexio para ofrecer unha solución inmediata sen necesidade de esperar ás vacacións de verán".

Neste senso, recorda que "estamos en permanente contacto coas directivas dos centros e coas Aanpas para ir solucionando as principais deficiencias e problemas que teñen".