Adeus á máscara en exteriores (salvo nas terrazas de hostalería) se mantemos as distancias

Pontevedra
23 de xuño 2021

Os galegos poderemos quitarnos a máscara en espazos exteriores a partir do 26 de xuño. Pero haberá matices. Só poderemos facelo se se garante unha distancia interpersoal de 1,5 metros. Iso si, non en todos os lugares ao aire libre. Deberemos seguir usándoa nas terrazas da hostalería

Xente paseando con bo tempo en Lourido

Os galegos poderemos quitarnos a máscara en espazos exteriores a partir do 26 de xuño. Pero haberá matices. Só poderemos facelo se se garante unha distancia interpersoal de 1,5 metros, segundo avanzou este mércores o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

"En interior máscara e distancia, en exterior máscara ou distancia", resumiu Núñez Feijóo sobre a proposta que defenderá Galicia no consello interterritorial de saúde, aclarando que este elemento de protección será obrigatorio baixo teito.

A única excepción á distancia será, engadiu, no caso de persoas conviventes.

Iso si, non en todos os espazos exteriores a máscara xa non será obrigatoria. Deberemos seguir usándoa nas terrazas da hostalería, ao entender os expertos que alí é imposible manter as distancias de seguridade, segundo o presidente galego.

Tamén será obrigatoria nos concellos en nivel máximo de restricións, é dicir, que teñan unha incidencia a 14 días superior aos 500 casos por cada 100.000 habitantes.

Núñez Feijóo advertiu que, aínda que non teñamos que poñela, a máscara deberemos levala "sempre encima, connosco", entre as nosas pertenzas, para usala se entramos nalgún establecemento ou paseamos por unha rúa "especialmente concorrida".

Esta medida entrará en vigor ás 00:00 horas deste sábado 26 de xuño.

A fin da obrigatoriedade da máscara, segundo o presidente da Xunta, é unha medida "seria, ordenada e rigorosa" que, ademais, "entra dentro" do que están a realizar outros países da nosa contorna.

Será posible, dixo Feijóo, ante o avanzado nivel de vacinación que, no caso de Galicia, chegou ao 43% da poboación coa dose dobre e ao 62% cunha dose, o que fai que esteamos nunha situación "moitísimo mellor" que hai un ano.

A pesar desta relaxación, o titular do goberno galego pediu "seguir sendo responsables e cautos" para "non estragar o traballo feito nestes quince longos e escuros meses", especialmente os mozos e as persoas que non se vacinaron aínda.

"O virus segue activo e pode afectar a calquera. Ser mozo non significa unha patente de corso para non infectarse", concluíu o dirixente autonómico.