Adeus a Juan Carlos I, ola a Virxinia Pereira Renda

Pontevedra
23 de abril 2021

O rei emérito desaparece do rueiro da cidade de Pontevedra. Desde este venres a avenida que se dedicou a Juan Carlos I ten nova 'propietaria'. O nome de Virxinia Pereira Renda, garante do legado artístico e político de Castelao, xa loce na rúa

Cambio de Avenida Juan Carlos I a Avenida Virxinia Pereira Renda Mónica Patxot

O rei emérito desaparece do rueiro da cidade de Pontevedra. Desde este venres a avenida que se dedicou a Juan Carlos I ten nova 'propietaria'. O nome de Virxinia Pereira Renda, garante do legado artístico e político de Castelao, xa loce na rúa.

A placa situada na confluencia coa Rúa dos Soutos foi a primeira en ser substituída. Foi nun simbólico acto que estivo presidido polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que estivo acompañado de varios membros do seu goberno.

Para Fernández Lores, Virxinia Pereira Renda era "merecente" de ter unha rúa na cidade porque, grazas á súa "insistencia", a maior parte da obra artística do seu marido está depositada no Museo de Pontevedra. "Para nós iso ten un significado importante", dixo.

"Era o momento de cambiala", sinalou o rexedor pontevedrés, en referencia á nova denominación desta avenida, unha das principais arterias da cidade, "porque o que a representaba non merece ter unha rúa na cidade".

Juan Carlos I, segundo o alcalde, "cada vez é máis obvio" que é unha persoa que "non merece ningún tipo de recoñecemento público".

O cambio de nome desta avenida enmárcase ademais na decisión do goberno municipal de "visibilizar" nas rúas de Pontevedra "a mulleres que non estaban representadas no rueiro" para que poidan ser "recoñecidas socialmente".

En concreto, esta nova denominación como Avenida Virxinia Pereira Renda foi aprobada pola corporación municipal de Pontevedra cos votos a favor de BNG e PSdeG-PSOE e o rexeitamento frontal do Partido Popular e do edil non adscrito, ex de Cidadáns.

Tras a substitución da primeira placa, o resto dos elementos urbanos que identifican a este vial como Avenida Juan Carlos I serán retirados nas próximas horas.