Adega pide que se alimente á fauna salvaxe e se suspenda temporalmente a caza

Pontevedra
18 de outubro 2017

A organización ecoloxista Adega sinala que perante os graves danos sociais e ambientais causados polos lumes, urxe a declaración de zona catástrófica nos lugares afectados. Consideran que deste xeito poderanse dispoñer medidas e axudas para compensar rápidamente as perdas e recuperar o pulso social e económico

Cabalos no medio do monte queimado Adega

A organización ecoloxista Adega sinala que perante os graves danos sociais e ambientais causados polos lumes, urxe a declaración de zona catástrófica nos lugares afectados. Consideran que deste xeito poderanse dispoñer medidas e axudas para compensar rápidamente as perdas e recuperar o pulso social e económico após os terribles incendios que queimaron ducias de vivendas, milleiros de hectáreas de cultivos, pastos, instalacións agrícolas, gando e demais.

Adega recorda que "non menos importante é dar tamén unha oportunidade á fauna salvaxe, suspendendo temporalmente a caza non só nas zonas queimadas senón tamén no seu perímetro xa que a fauna tende a refuxiarse nestas áreas, así como dispoñer alimento de urxencia para gando e fauna salvaxe".

Especial atención precisan os espazos protexidos afectados polo lume, nos que son urxentes medidas proactivas para recuperar a biodiversidade máis sensible e ameazada e impedir, por exemplo, a perda de hábitats e a colonización con especies invasoras e oportunistas.

Os impactos dos incendios non rematan ao apagarse o lume

Os impactos dos incendios non rematan ao apagarse o lume, recorda Adega. Após da desfeita incendiaria, as zonas queimadas corren o risco de perderen por completo a súa fertilidade debido á erosión do substrato e aos arrastres pluviais, particularmente nas áreas en pendente. Os danos poden trasladarse tamén a outras zonas na periferia das áreas queimadas como ríos, rías e costas, ás que chegarán as cinsas e sedimentos mobilizados dende os montes.

Envelenamento das augas e traidas, morte dos bancos marisqueiros, enchentas e asolagamentos poden ser e serán outra consecuencia do lume, especialmente se non se actúa a tempo, conclúe esta ONG.

Arquivado en