A contratación do persoal celador que realiza a Xerencia da área sanitaria de Pontevedra está a incumprir os acordos establecidos pola dirección dos centros sanitarios públicos coa Comisión de Centro de Atención Hospitalaria, segundo denuncia a CIG-Saúde.
A central nacionalista expón que seguen a realizarse contratos de custodia por horas, unha situación que impide a conciliación da vida laboral e familiar.
Begoña Mallo, responsable sindical, asegura que se pactou coa dirección que a contratación sería a xornada completa.
Indica que, desta forma, se repetirán as situacións que se producían antes do acordo cando chamaban aos celadores ás 02.00 horas da madrugada para traballar unha hora "ou ben traballar as horas que fosen precisas, e ao remate da custodia mandábano para casa cobrando unicamente as horas que durara a custodia; en moitos casos o ingresado non superaba os 20 euros, e ademais podían chamarte para traballar ese mesmo día en quenda de mañá", expón Mallo.
Sinalan que este tema foi abordado en varias reunións da Comisión e pactouse unha contratación por xornada completa, independentemente da hora da chamada.
Con todo, denuncian que o director de Recursos Económicos, responsable superior do persoal, decidiu facer a súa propia interpretación do acordo "e continuou cos contratos a demanda, polo que o persoal cando recibe a chamada sabe a hora á que entra pero non á que sae, impedindo a organización da súa vida privada".
Desde a CIG-Saúde advirten que a Xerencia con esta decisión provoca que o persoal "busque e marche" a outras áreas sanitarias nas que dispoñen de mellores condicións laborais.
Reclaman que finalice esta situación e que se respecten os acordos alcanzados por parte da dirección sanitaria.