Acusan a Domínguez de usar as "peores mañas do trumpismo" cos veciños de Monte Porreiro

Pontevedra
20 de setembro 2021

A humanización proxectada en Monte Porreiro, especialmente a peonalización da rúa Alemaña, unha actuación que xerou o rexeitamento veciñal, foi o gran tema de debate no pleno da corporación municipal celebrado este luns no Teatro Principal

Pleno municipal no Teatro Principal de Pontevedra Mónica Patxot

A humanización proxectada en Monte Porreiro, especialmente a peonalización da rúa Alemaña, unha actuación que xerou o rexeitamento veciñal, foi o gran tema de debate no pleno da corporación municipal celebrado este luns no Teatro Principal.

Foi tras unha moción presentada polo PP, na que se instaba ao goberno municipal a paralizar este proxecto, destinar dous millóns de euros en obras "urxentes" no barrio e deseñar un plan de investimentos de oito millóns en catro anos para unha futura humanización.

Rafa Domínguez, que cualificou a súa proposta como "adecuada, coherente, lógica y económicamente factible", denunciou que ante as "enormes carencias" que existen en Monte Porreiro, a peonalización da rúa Alemaña "no es una prioridad".

O líder do PP pontevedrés ha asegurado que o barrio "no ha sido tratado como se merece" por parte do Concello, ao que acusou de non realizar "ninguna inversión" en dúas décadas. "Es una tomadura de pelo tanto el fondo como las formas", afirmou Domínguez.

Esta moción non saíu adiante ante o rexeitamento de BNG e PSOE.

O socialista Tino Fernández censurou que o PP estea a utilizar aos veciños de Monte Porreiro como "arma política" para "erosionar" ao Concello e engadiu que o PSOE traballará "polo diálogo" co veciños "pero con lealdade co goberno" do que forman parte.

Ademais, Fernández instou aos populares a que "coa mesma esixencia" lle demanden á Xunta que invista os 10 millóns comprometidos no seu día para Monte Porreiro, do que apenas se chegaron a destinar 1,5 millóns nunha primeira fase de rehabilitación do barrio.

Pola súa banda, Demetrio Gómez (BNG) sinalou que Domínguez "minte" cando asegura que non houbo investimentos no barrio nos últimos anos e afirmou que "adopta as peores mañas do trumpismo e das fake news" porque, ao seu xuízo, "non lle importan os veciños".

Reiterou que "non hai proxecto aínda" para a humanización do barrio e que cando o haxa "falaremos para negociar, cambiar ou mellorar" esta actuación, pero non se paralizará porque "hai edificios sen abastecemento e hai un problema de seguridade viaria".