Acto multitudinario para celebrar os seis anos de goberno na Deputación

Pontevedra
09 de xullo 2021

A presidenta Carmela Silva resumiu as actuacións do seu goberno ata o ecuador deste segundo mandato como un tempo de "gran transformación da provincia con máis servizos, máis equidade e máis dereitos"

Acto polos seis anos de goberno na Deputación Cristina Saiz

O goberno de coalición entre o PSdeG-PSOE e o BNG na Deputación de Pontevedra cumpre seis anos e o organismo provincial quixo facer balance deste tempo cun acto público.

A presidenta Carmela Silva fixo fincapé nesta alianza de partidos "nun tempo no que a confrontación e o ruído están á orde do día" e agradeceu especialmente ao vicepresidente César Mosquera por "poñer por diante á xente", xa que con esta colaboración "é moi fácil gobernar".

A presidenta resumiu as actuacións do seu goberno ata o ecuador deste segundo mandato como un tempo de "gran transformación da provincia con máis servizos, máis equidade e máis dereitos".

Nun acto celebrado na explanada de Montero Ríos fronte ao Pazo Provincial, ao que asistiron alcaldes e alcaldesas dos concellos da provincia, ademais de colectivos e representacións de diferentes sectores, a presidenta e o vicepresidente da institución renderon contas dos seis anos transcorridos, dos que puxeron en valor o cambio na acción política a través da equidade na dotación de recursos aos concellos e a vontade de sumar sinerxías para construír o presente e o futuro dunha provincia sostible desde os eixos da igualdade, a mobilidade, a dixitalización e o compromiso co medio ambiente.

A presidenta, que agradeceu o traballo do persoal da Deputación, "non teño horas para agradecer o seu compromiso", enumerou na súa intervención os grandes eixos da transformación da provincia: o cambio do modelo de financiamento aos concellos, o modelo de mobilidade e recuperación do espazo público co impulso do Plan Ágora que "é referencia"; a defensa da igualdade e a "irrenunciable axenda feminista"; o compromiso co medio ambiente para converter Pontevedra nunha provincia sostible; e a aposta para apoiar a economía e a todos os seus sectores
 
Pola súa banda, César Mosquera subliñou dúas cuestións no balance dos seis anos de goberno: o logro de acadar que a Deputación tivese un funcionamento e uns servizos "do máis avanzado", tanto na súa actividade propia como nas axudas aos municipios, así como tratar con equidade aos concellos, "incluso aos máis belixerantes", dándolles liberdade de actuación e opinión ao ter garantidos os seus recursos.

Tanto a presidenta como o vicepresidente miraron cara ao futuro. Carmela Silva subliñou que despois de ser a primeira Deputación en sumarse ao cumprimento da Axenda 2030, a primeira de Galicia en aprobar un Plan Estratéxico de Fondos Europeos para ter proxectos que se presentan aos Next Generation, ou a primeira en poñer en marcha a Axenda Urbana, a institución traballa xa cos ministerios "para seguir sumando recursos e iniciativas que permitan que a provincia poida estar á cabeza da dixitalización, da cohesión territorial, da transición ecolóxica e da igualdade".