Acto informativo do BNG en Soutomaior para tratar a situación da Atención Primaria

Soutomaior
24 de abril 2024

A iniciativa vai desenvolverse este venres 26 de abril, a partir das 20.30 horas, no Multiusos de Arcade baixo o título 'A importancia dunha Atención Primaria forte e con recursos'

Centro de saúde de Arcade

Este venres 26 de abril, a partir das 20.30 horas, o Multiusos de Arcade acollerá un acto informativo, que organiza o BNG, para analizar a situación da Atención Primaria.

Baixo o título 'A importancia dunha Atención Primaria forte e con recursos', durante este acto falarase sobre a situación actual que, segundo os nacionalistas, é de precariedade na sanidade pública galega. 

O BNG considera que as políticas de recortes que está a aplicar o PP no goberno da Xunta de Galicia afectan directamente á Atención Primaria.

Durante este encontro veciñal e político intervirán Iria Carreira, deputada do BNG no Parlamento Galego e médica de familia; Carmen Núñez, concelleira e portavoz do BNG en Tui e tamén médica de familia; Gonzalo Otero, membro do BNG en Soutomaior. 

Ao longo deste acto tamén se recollerán sinaturas en defensa da sanidade pública entre as persoas que asistan.

José Costas, responsable local do BNG en Soutomaior, sinala que o municipio leva máis dun ano e medio sen pediatra e moitos anos cunha cantidade escasa de persoal e recursos no centro de saúde de Arcade.