Acto de protesta en Sanxenxo contra a visita de Juan Carlos I: "Galiza non ten rei"

Sanxenxo
17 de abril 2023

Segundo a secretaria xeral de Galiza Nova, Marta Gómez, "Juan Carlos I é un rei corrupto e a súa presenza non ten cabida no noso país. Galiza non ten rei"

Acto de protesta de Galiza Nova en Sanxenxo Galiza Nova

Galiza Nova, organización xuvenil do BNG, denunciou públicamente este luns a visita de Juan Carlos I a Sanxenxo.

Nun acto de protesta celebrado no porto deportivo de Sanxenxo, a secretaria xeral de Galiza Nova, Marta Gómez, declarou que "rexeitamos a visita de Juan Carlos I, o rei fuxido, ao noso país".

Nunha comparecencia manifestaron o seu "profundo rexeitamento a que esta visita quede impune e pase coa complicidade do goberno do Estado, de PSOE e Unidas Podemos e tamén co beneplácito do Partido Popular".

Gómez engadiu que todos os sucesos que rodean a figura do rei emérito "non fan máis que demostrar que a monarquía española é unha institución corrupta que atenta directamente contra os valores democráticos do noso pobo".

A nacionalista referiuse na súa intervención ao "réxime anacrónico e perpetuador da dependencia da nosa nación do Estado español, que representa a monarquía".

A secretaria xeral de Galiza Nova rematou sinalando que "Galiza non ten rei".

"Rexeitamos a monarquía por ser un réxime inxusto, que fai prevalecer os privilexios por nacemento dunha familia e que perpetúa a idea centralista e imperialista do Estado español" expresou Marta Gónez, que asegura que Galiza Nova ten claro que "a única vía para acadar os nosos dereitos e poder desenvolver plenamente os nosos dereitos de vida é traballar pola conquista dunha república galega".