Actividades deportivas e de lecer ao aire libre en Cerdedo-Cotobade para facilitar a conciliación

Cerdedo-Cotobade
07 de agosto 2020

O programa que ofrece o Concello ata o 21 de agosto conta coa participación de máis de dez nenos con idades entre os cinco e os trece anos

Actividades do programa de conciliación en Tenorio Concello de Cerdedo-Cotobade

Axudar na conciliación da vida familiar e laboral é a pretensión do programa que ofrece o Concello de Cerdedo-Cotobade ata o 21 de agosto e que consiste en actividades deportivas e de lecer ao aire libre a menores de idade, entre os cinco e os trece anos. Dados os requisitos que a situación sanitaria esixe, ofrécese un formato reducido e adaptado con limitación de prazas, deseñando propostas compatibles e coas oportunas precaucións.

Os menores beneficiarios do programa deben estar empadroados no municipio e deben pertencer a familias monoparentais ou de haber dous proxenitores que ambos traballen e non dispoñan de ningunha outra alternativa para o coidado dos menores.

O programa ofrécese en quenda de mañá, nas inmediacións do pavillón municipal, con xogos e prácticas deportivas ao aire libre, sempre que as condicións meteorolóxicas permíteno. 

O alcalde Jorge Cubela facía referencia a estas familias que requiren de propostas de conciliación como esta porque "se fai cun escrupuloso cumprimento da normativa sanitaria para que os nosos nenos estean seguros e ben atendidos".