Activan a campaña "Pontevedra Suma" para divulgar a nova ordenanza de mobilidade

Pontevedra
03 de novembro 2020

Pontevedra foi a primeira cidade en España en impoñer a velocidade 30 en todas as súas vías urbanas. Hai un ano, foi tamén pioneira en rebaixala a 10 no centro histórico e en zonas de preferencia peonil. Coa nova ordenanza de mobilidade, que xa entrou en vigor, os vehículos deberán reducir a súa marcha a 6 quilómetros por hora se teñen peóns preto

Patinete circulando polas rúas de Pontevedra Mónica Patxot

Pontevedra foi a primeira cidade en España en impoñer a velocidade 30 en todas as súas vías urbanas. Hai un ano, foi tamén pioneira en rebaixala a 10 no centro histórico e en zonas de preferencia peonil. Coa nova ordenanza de mobilidade, que xa entrou en vigor, os vehículos deberán reducir a súa marcha a 6 quilómetros por hora se teñen peóns preto

É unha das principais novidades dunha normativa municipal que, entre outras cuestións, impide que as bicicletas e os vehículos de mobilidade persoal -os patinetes eléctricos- circulen polas beirarrúas ou por rúas de uso exclusivo peonil.

Para divulgar os aspectos que regula esta ordenanza de mobilidade, o goberno municipal decidiu activar a campaña "Pontevedra Suma", unha iniciativa que segundo o edil de Mobilidade, Demetrio Gómez, será "realmente intensa" entre os cidadáns.

Esta normativa "é sinxela", sinalou o concelleiro, porque "o que fai é adaptar as normas ao xeito que xa temos de movernos" e que contribuíu a que Pontevedra sexa unha cidade "segura e tranquila" e na que se pode circular "sen problemas".

O Concello editou unha serie de folletos que recollen os principais aspectos desta ordenanza, mostrando por onde poden circular e en que condicións os diferentes usuarios das vías públicas, situando sempre ao peón como prioridade nos desprazamentos.

Estes trípticos, destacou Demetrio Gómez, "transmiten a norma legal sen que resulte árida" e complementaranse con "mupis" nas rúas e coa colaboración de diferentes colectivos, entre eles tendas especializadas en bicicletas, autoescolas ou a asociación de skaters, que recibirán unhas xornadas de formación para converterse en "informadores".

Ademais, se a evolución da pandemia así o permite, o Concello quere organizar a finais de novembro unha "festa da mobilidade" na que, a través dunha xincana, a xente poida completar tres percorridos diferentes utilizando os seus respectivos medios de transporte.