Activan a alerta por "escaseza moderada de auga" no río Lérez

Pontevedra
28 de agosto 2024

A Xunta de Galicia adoptou esta decisión tras unha reunión da Oficina Técnica de Seca debido ao descenso do caudal no Lérez desde mediados do mes de xullo e tendo en conta o aumento da poboación estacional nos municipios que se abastecen do río

Río Lérez Mónica Patxot

A Xunta de Galicia activou este mércores a prealerta por "escaseza moderada de auga" no sistema do río Lérez, en Pontevedra.

A decisión acordouse na reunión da Oficina Técnica da Seca na que participaron o director de Augas de Galicia, Roi Fernández, técnicos do organismo hidráulico e representantes de Protección Civil, MeteoGalicia e as Consellerías de Sanidade e Medio Rural.

Trátase dunha medida de precaución que se adopta a pesar de non advertirse unha situación de seca prolongada na conca hidrográfica Galicia-Costa, debido ao descenso do caudal circulante no Lérez rexistrado desde mediados do mes de xullo, tendo en cuenta ademais o aumento da poboación estacional nos municipios que se abastecen do río e ás previsións meteorolóxicas que predín poucas precipitacións polo menos ata finais do mes de setembro.

A situación de prealerta por escaseza implica a realización dun seguimento intensivo da situación meteorolóxica e os niveis de ríos, encoros e acuíferos, así como medidas de concienciación da cidadanía recomendando á poboación realizar un uso responsable da auga, evitando as actividades que máis consumo xeran como o enchido de piscinas ou a rega con auga potable.

Tamén se recomenda aos concellos afectados minimizar os consumos de auga municipais non esenciais, como o baldeo de rúas, o regado de parques e xardíns ou as duchas de auga potable das praias.

Os municipios afectados son os de Barro, Bueu, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, A Estrada, Forcarei, Marín, Meaño, Moraña, Pontevedra, Poio, Ponte Caldelas e Sanxenxo.